O Goberno galego, con esta modificación, atende a solicitude do Concello de Vilanova de Arousa e define as melloras previstas no tramo entre os puntos quilométricos 7+570 e 9+800 da estrada autonómica
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da información pública e do proxecto de mellora de seguridade viaria no entorno do tramo de concentración de accidentes na estrada PO-549, nos Concellos de Vilanova de Arousa e Cambados.
No seguinte enlace ao DOG, pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/dv15MMTrátase dun proxecto cuxo obxecto inicial do proxecto era a formulación de actuacións puntuais coas que evitar ou reducir no posible a accidentalidade no tramo final da PO-549, identificado como TCA , entre o Pq. 8+000, ao final da parroquia de Deiro, no Concello de Vilanova de Arousa),e o Pq. 9+800, na intersección coa VG-4.3 en Cambados.
Este proxecto xa se sometera a información pública, procedemento no que o Concello de Vilanova solicitou que se ampliase o ámbito nunha lonxitude de 700 metros e se executasen sendas no tramo. O Goberno galego atendeu esta solicitude, polo que o tramo no que se desenvolverán as obras é o comprendido entre os puntos quilométricos 7+570 e 9+800.
As principais actuacións realizaranse nas interseccións mais relevantes do tramo. Para isto, levarase a cabo a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as manobras de saída ou incorporación á estrada autonómica. Tamén se construirán dúas semiglorietas para os cambios de sentido nas principais interseccións, en puntos con suficiente visibilidade para realizar os xiros á esquerda.
O proxecto tamén contempla a execución dunha nova glorieta na intersección do Pq. 9+020 coas estradas provinciais EP-9004 e EP-9005 e a mellora da contorna da rotonda existente no Pq. 9+400, executando un illote físico para facilitar a súa percepción e reorganizando os accesos próximos.
Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de bus, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións e outras medidas.
De xeito complementario, executarase un tramo de senda entre os puntos quilométricos 7+570 e 8+340 pola marxe esquerda da estrada.
Cómpre lembrar que este proxecto está enmarcado na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.
- Te recomendamos -