Inicio Galicia A Xunta participa na reunión da Comisión Técnica Permanente de Protección Civil...

A Xunta participa na reunión da Comisión Técnica Permanente de Protección Civil que homologou plans de actuación municipal de varios concellos galegos

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presidiu a xuntanza da Comisión Técnica Permanente de Protección Civil na que se homologou o Plan de emerxencia municipal do concello de Avión, o plan de actuación municipal fronte ao risco de inundacións do concello de Betanzos, os plans de actuación municipal contra incendios forestais dos concellos de Muros, Guntín de Pallares, Vilariño de Conso, Baños de Molgas, e Castrelo de Miño e o plan de actuación municipal do concello de Rubiá ante o risco de rotura da presa de Penarrubia.

O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal ante este tipo de emerxencias, de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación, catalogación dos medios cos que conta o concello, co obxectivo de que as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación e que a solución que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida.

Informáronse favorablemente as actualizacións de dous plans especiais, o plan de emerxencia exterior de Arteixo Química, que se actualiza no apartado de análise de riscos ao modificar as substancias almacenadas no establecemento, e o Plan especial ante o risco de incendios forestais en Galicia, PEIFOGA, tendo en conta as experiencias acadadas nos últimos anos, que ademáis de actualizar a análise de riscos, establece que no caso de simultaneidade de situacións 2 en distintas provincias, poderáse establecer un Centro de Control Operativo no CIAE112 para coordinar as actuacións nas provincias afectadas. Tamén foi presentado o Plan de emerxencia da presa de As Forcadas, que abastece á comarca de Ferrolterra. Unha vez aprobado por Augas de Galicia serán 42 os plans operativos na comunidade autónoma, dos 50 encoros que teñen que contar con plan. Foron informados favorablemente o proxecto do Decreto de condecoracións e medallas ao mérito de protección civil e o proxecto de Decreto de reparto de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia en materia de accidentes graves, os cales continuarán coa sua tramitación e serán elevados ao Pleno da Comisión.

A Comisión Técnica Permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.


- Te recomendamos -