Inicio Galicia A Consellería de Medio Ambiente explorará posibles vías de colaboración coa Asociación...

A Consellería de Medio Ambiente explorará posibles vías de colaboración coa Asociación Galega de Sociedades de Pesca

0

Ángeles Vázquez recibiu hoxe a representantes da Asociación de Clubes e Sociedades de Pesca Fluvial de Galicia (AGSP), unha entidade de recente creación que busca defender os intereses do sector e fomentar a pesca sustentable


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación Galega de Clubes e Sociedades de Pesca Fluvial de Galicia (AGSP), unha entidade constituída este ano co obxectivo de defender os intereses do sector, fomentar e divulgar o coñecemento da pesca deportiva entre os galegos e garantir o bo estado dos ríos.

Durante a xuntanza, o presidente de AGSP, Pepe Casal, trasladoulle á conselleira algúns dos proxectos que teñen en marcha así como as principais preocupacións da entidade, que aglutina entre os seus fundadores a máis dunha ducia de sociedades e clubes do sector da pesca fluvial. En concreto, subliñou a inquedanza coa que afronta o colectivo o descenso do número de exemplares de salmónidos nos ríos galegos e o declive actual deste deporte entre a xuventude.Ángeles Vázquez, pola súa banda, comprometeuse a analizar con detalle as iniciativas e propostas nas que traballa a AGSP e a estudar a posibilidade de establecer algunha posible vía de colaboración entre o seu departamento e a asociación. Así mesmo, a conselleira tamén lles trasladou que a Xunta traballa para potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural, así como o seu aproveitamento deportivo sustentable, fomentando por exemplo a pesca sen morte como medida efectiva de conservación destes recursos.

Cómpre lembrar que entre os plans da Consellería de Medio Ambiente para o próximo ano figura o impulso a unha nova Lei de Pesca Fluvial que actualizará a normativa vixente, aprobada en 1992, e para a que se buscará o máximo consenso co sector.


- Te recomendamos -