Feijóo lembra que a guía remitirase a todos os concellos galegos para que poñan en marcha estas recomendacións
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia conta coa primeira circular de boas prácticas para axilizar a apertura de estacións de servizo e incrementar a competencia no sector para que reduza o prezo dos carburantes.
Logo de subliñar que o documento segue as recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e da Comisión Galega da Competencia, Feijóo precisou que o texto recompila recomendacións tanto no eido municipal como no autonómico para eliminar os obstáculos para a apertura de estacións de servizo.
Así, e con respecto ao eido municipal, o presidente da Xunta destacou algúns dos puntos que se especifican: que os usos do chan para actividades comerciais e industriais son compatibles coa instalación de gasolineiras; que os centros comerciais e polígonos industriais poderán incorporar, polo menos, unha estación de servizo; que o outorgamento de licenzas municipais para estes establecementos comerciais levará implícita a concesión das que fosen necesarias para a instalación de subministración de produtos petrolíferos; recolle a necesidade de resolver os expedientes con celeridade; ou especifica que a normativa municipal non debe contradicir a Lei do sector de hidrocarburos.
En relación ao eido autonómico, o titular da Xunta explicou que o documento recomenda substituír o actual rexistro de estacións de servizo de carácter autorizativo por un declarativo, a través da comunicación previa; revisar o procedemento integrado para mellorar o seu funcionamento; refundir nunha soa norma o procedemento integrado e o de rexistro; e extremar a dilixencia na tramitación.
Na mesma liña, e para dar cumprimento a estes obxectivos, Feijóo avanzou tamén a autorización no Consello de hoxe do inicio da tramitación do decreto polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos e o seu rexistro.
A principal novidade que incorpora é no tocante ao sistema para figurar no rexistro, que agora será a través da comunicación previa. Desta forma, pasará a ter carácter declarativo, tal e como recomenda a circular, o que permitirá axilizar o proceso.
Cómpre salientar que a guía remitirase a todos os concellos galegos para que poñan en marcha estas recomendacións co obxectivo de facilitar a apertura de estacións de servizo eliminando todos os obstáculos detectados nos últimos anos.
- Te recomendamos -