Inicio Galicia O director xeral de Saúde Pública pide unha maior concienciación da sociedade...

O director xeral de Saúde Pública pide unha maior concienciación da sociedade sobre a problemática do consumo de alcol entre a mocidade

0

O representante do Goberno autonómico participou nun obradoiro de prevención de condutas adictivas, no data na que se conmemora o Día Mundial sen Alcol


A Casa de Cultura de Moraña acolleu hoxe un obradoiro de Neuropsicoloxía das adiccións sobre a temática do alcol, na data na que se conmemora o Día Mundial sen Alcol, que propón a Organización Mundial da Saúde. Este acto, enmarcado dentro dos obradoiros de prevención das condutas adictivas que o alumnado realizou ao longo de toda a súa etapa educativa obrigatoria, contou coa intervención do director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, quen remarcou a importancia dunha maior concienciación sobre esta problemática, pero non referida a unha soa data, como o día de hoxe, senón no día a día, implicando a toda a sociedade.

Os mozos e mozas, -dixo o director xeral-, son o futuro da nosa comunidade, e deben axudar a construír unha Galicia máis sana, elixindo actividades libres de alcol e mantendo actitudes de rexeitamento do seu consumo.

Segundo o responsable sanitario, dicir non ao alcol supón ser forte e ceder ás presións ás que en ocasións está sometida a mocidade é máis doado. Ao respecto, Andrés Paz animoulles aos mozos e mozas alí presentes a que cada vez que se lles presente a dúbida se pregunten se van permitir que decidan por eles. Non vos deixedes manipular e enganar posto que a última palabra é vosa, -remarcou o representante do Goberno autonómico-.

O alcol supón un problema tanto para as persoas que o consumen como para a súa contorna, posto que, ao marxe das enfermidades que provoca, é responsable ou contribúe á aparición de accidentes de tráfico, violencia ou baixo rendemento escolar e laboral.

Ao remate do acto procedeuse á lectura do Manifesto do Día Mundial sen Alcol.


- Te recomendamos -