A Xunta financia o taller que comparten Castroverde, Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín e Riotorto e concede incentivos para a contratación laboral de participantes
Un total de 20 persoas traballan no obradoiro de emprego O Castro IV, que está en marcha nos municipios de Castroverde, Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín e Riotorto e no que os alumnos traballadores adquiren coñecementos ao tempo que realizan tarefas na especialidade de ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 300.000 euros neste proxecto, que inclúe a concesión de incentivos para a contratación laboral de nove participantes. A modalidade dual é a principal novidade desta convocatoria e supón que o alumnado pode sumar ao contrato de formación e aprendizaxe no obradoiro -que dura nove meses- outro posterior nunha empresa do entorno de polo menos tres meses máis.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o obradoiro en Riotorto e lembrou que os participantes obterán un certificado de profesionalidade que os cualificará para exercer a especialidade elixida en calquera punto do Estado. Do total de contratos realizados, 20 corresponden a alumnos traballadores e o resto son para postos de dirección, administración e monitores (2).
Os obradoiros de emprego levan a cabo actuacións de interese xeral nos municipios que os acollen. En concreto, o que promoven estes cinco concellos realizará tratamentos silvícolas e labores de conservación en montes, camiños forestais e espazos naturais.
Así, actuarán no monte veciñal en man común de Carballal de Furís, en Castroverde; en diversos camiños e a zona verde de Baltar, así como na ruta de sendeirismo de ‘Maeloc’ e Bretoña, na Pastoriza; nos camiños de Lúa, Susá, Fontao e Cadegunde, en Pol; nos de Mazo a Soutelo, Toucedo, Vale, Souto de Val, Ramallide e Lombo de Murias, en Riotorto; e nos camiños da Budueira, Os Cangos a Muxén, acceso a Cuiña, San Fiz e Meiroi, en Ribeira de Piquín.
Nas últimas semanas puxéronse en marcha a práctica totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.
- Te recomendamos -