Inicio Galicia A Xunta confía en que o Goberno central siga considerando o reto...

A Xunta confía en que o Goberno central siga considerando o reto demográfico unha prioridade política

0

Traslada a satisfacción por que se avance a nivel nacional nunha liña estratéxica na que Galicia leva anos traballando xunto con outras comunidades


A Xunta de Galicia amosou hoxe a súa confianza en que o Goberno central siga considerando o reto demográfico como prioridade política a nivel nacional. No marco do grupo de traballo institucional para o Reto Demográfico, que se reuniu na sede do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, trasladaron a súa satisfacción por que se avance nunha liña de traballo coa que o Goberno galego leva anos comprometida. Nun sentido semellante se manifestaron as demais comunidades autónomas.

Fabiola García lembrou as principais reivindicacións de Galicia, que xa foron defendidas polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, na Conferencia de Presidentes Autonómicos, no Foro de Rexións con Especiais Desafíos Demográficos (Fredd) e nas sucesivas declaracións institucionais conxuntas con outros dirixentes autonómicos. Na súa última edición reuníronse Asturias, Aragón, Castilla y León, Castilla-La Mancha, La Rioja e Galicia.

Entre as reclamacións galegas trasladadas á alta comisionada para o Reto Demográfico, Isaura Leal, están: que a Estratexia fronte ao reto demográfico se traduza en medidas concretas con orzamentos concretos, que se avance na extensión das infraestruturas tecnolóxicas e a banda larga nas zonas rurais e que se teñan en conta variables demográficas tanto á hora de acordar a reforma do financiamento autonómico como á hora de negociar o Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 da Unión Europea.


- Te recomendamos -