O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o proxecto para a mellora do camiño entre as aldeas de San Xián e Pando, en Muros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Muros para comprobar a actuacións financiadas pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias.
Este Plan supuxo un investimento global nas últimas anualidades en Muros de 130.000 euros para a realización das obras de mellora no camiño que enlaza os lugares de San Xián e Pando na parroquia de Torea. A axuda recibida do Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) no 2018 é de case 44.000 euros. Os criterios xerais que dirixen o proxecto son o de realizar melloras no camiño mediante a ampliación da sección, a renovación do firme existente, e o saneo das augas de escorrega sobre unha superficie duns 600 m².
As obras consistiron, en primeiro lugar, na derruba da antiga capa de rodadura de formigón que se atopaba en mal estado. Con posterioridade procedeuse ao rasanteo do firme e ao acondicionamento dos noiros, para despois ampliar a sección do camiño mediante o traslado de pequenos valados de pedra tradicionais, construír as gabias de lastro de granito e soterrar canles de PVC soterradas para a recollida e evacuación das augas de escorrega. Por último, procedeuse á reposición do pavimento de formigón en masa e a colocación dos elementos de seguridade.
O Plan Marco significou para os municipios da área de influencia do Barbanza un investimento do Agader de 543.389 euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de algo máis de 271.000 euros cada unha. Trátase dunha axuda cofinanciada nun 75% con fondos Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020 para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. No total provincial o investimento na Coruña é de 4,6 millóns.
Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.
O delegado territorial tamén quixo destacar que os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
- Te recomendamos -