Inicio Galicia Ángeles Vázquez avanza que a comezos do 2019 se licitarán as obras...

Ángeles Vázquez avanza que a comezos do 2019 se licitarán as obras da segunda fase do novo centro de recuperación de fauna silvestre en Cotobade

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conclúe que, ao termo das obras, contarase cun centro de recuperación punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 14 de novembro de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a comezos do vindeiro ano se licitarán as obras da segunda fase do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade.

A conselleira fixo este anuncio durante a súa visita ao novo Centro de recuperación de fauna silvestre, para constatar o remate das obras relativas á primeira fase, nas que a Xunta investiu preto de 500.000 euros, que permitiron a adecuación dun edificio que xa existía, para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria; e a construción dun novo edificio destinado á recuperación dos animais e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.

Tal e como explicou a conselleira, esta segunda instalación estará destinada integramente á recuperación dos animais recollidos e conta con dúas estancias para mamíferos, dez azoerias, unha sala de cría de roedores, unha zona de muda e de lavado de aves, unha sala de necropsia… De feito, unha das novidades é a posibilidade de recrear o ambiente natural nas cámaras de voo, de mamíferos e de aves nocturnas.Ángeles Vázquez destacou que con estas instalacións dáse un paso máis no fomento da conservación e recuperación das especies de fauna silvestre, unha tarefa que se completará coas actuacións da segunda fase, nas que se investirán 200.000 euros, e que incluirán a urbanización dunha parcela e a dotación de instalacións específicas para as fases de recuperación final das aves; como un túnel de voo e unha zona de piscinas adaptadas para as aves acuáticas.

A conselleira destacou que ambas fases, que suman un importe de 675.000 euros, farán desta instalación un centro de recuperación de fauna silvestre punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados, é dicir, dotará á provincia de Pontevedra dunhas instalacións caracterizadas polo seu deseño funcional e actualizado, que incorpora melloras nas condicións de aloxamento e nos medios específicos para a recuperación dos animais e tamén implica melloras nas condicións de traballo dos profesionais.

Actividade dos catro centros de recuperaciónAdemais deste novo centro de recuperación en Cotobade, que virá a substituír ao Centro de Cotorredondo -en activo ata o momento-, a Comunidade galega conta con outras tres instalacións, unha por provincia, situados en Oleiros (A Coruña), O Veral (Lugo), e O Rodicio (Ourense).

Ao longo de 2017, os catro centros rexistraron un total de 3.350 entradas, dos cales un 87% eran aves, un 10% mamíferos e un 3% restante eran réptiles; sendo o dos anfibios o grupo menos numeroso, coa recollida de tan só 4 exemplares no ano.

Como mostra da importancia e do traballo que estes centros ofrecen, a conselleira destacou que un 70% dos animais tratados nos centros de recuperación de Galicia foron totalmente recuperados e devoltos á súa contorna. No caso do centro de Pontevedra, recibiu un total de 1.276 animais, o que supón un 40% das entradas totais rexistradas no conxunto de centros da Comunidade. 


- Te recomendamos -