Inicio Galicia Román Rodríguez anuncia un investimento superior aos 450.000 euros na igrexa de...

Román Rodríguez anuncia un investimento superior aos 450.000 euros na igrexa de San Xiao de Moraime en 2019

0

A Administración autonómica empregou 50.000 euros na reintegración da policromía e a aplicación de tratamentos contra o biodeterioro

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o xacemento e a igrexa de San Xiao de Moraime no concello coruñés de Muxía para comprobar de primeira man o estado actual da pintura mural tras os traballos de restauración finalizados este ano. O conselleiro destacou que “o obxectivo é traballar sobre este conxunto co fin de garantir a protección do xacemento e a permanencia do inmoble e do patrimonio artístico que atesoura, aumentando así o seu interese turístico”. Neste sentido, para o ano 2019 está prevista a licitación do proxecto básico e de execución de obras de conservación das fachadas por un importe de 456.762,90 euros. Este importe súmase aos 444.945,04 euros investidos desde o 2009 e grazas aos cales se levaron a cabo numerosas actuacións para a protección de pinturas, murais, actuacións de rehabilitación da casa rectoral e a toma de datos para a realización de mapas entre outras. Deste xeito, entre os anos 2009 e 2019 a Xunta terá investido máis de 900.000 euros na igrexa e mosteiro de Moraime.

O conselleiro tamén lembrou que veñen de rematar os traballos de restauración da pintura mural por un importe de 50.000 euros cofinanciados con Fondos FEDER. En concreto, os traballos que se realizaron consistiron na limpeza da superficie, aplicación de tratamentos contra o biodeterioro, consolidación do soporte e reintegración da policromía. Así mesmo, procedeuse a retirar morteiros antigos para substituílos por outros novos e realizáronse mapas de estado de conservación das pinturas.

A zona de actuación foron as pinturas que ocupan o muro norte, que representan os sete pecados capitais a través da personificación do pecados e da representación dos seres demoníacos que instigan os vicios e virtudes e que animan a practicar a penitencia e a oración.

Actuacións anteriores e para 2019Ademais, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia realizou, nos anos 2014 e 2015, obras para atallar a entrada de auga por capilaridade e filtración nos muros da igrexa. Ademais, a intervención anterior sobre a pintura do muro oeste permitiu axustar criterios e procedementos de actuación, e comprobar a efectividade dos traballos realizados anteriormente para atallar a humidade. O conxunto da igrexa e os edificios do antigo mosteiro de San Xiao de Moraime é un dos exemplos senlleiros do románico galego con achegas estilísticas de épocas posteriores e ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

A igrexa atópase no Camiño de Santiago, concretamente na Ruta de Fisterra e Muxía, e contén pinturas medievais únicas situadas na parede norte e na sur. Nelas realizáronse actuacións para estabilizar as súas condicións de humidade o que permitiu afrontar a restauración da pintura mural.

Estudo arqueolóxicoRecentemente, no mesmo lugar onde se atopa o conxunto, realizáronse sondaxes no xacemento arqueolóxico romano-medieval descuberto na década dos anos 70 e que foi obxecto dunha serie de intervencións arqueolóxicas. Naquel momento, descubriuse a fonte monumental e parte da súa canalización, pero non os muros laterais asociados á mesma, feito que indica que o xacemento puido ser desmantelado tras a escavación realizada no ano 1971.

Na actualidade estase a realizar un estudo arqueolóxico do ámbito e farase un levantamento fotogramétrico das estruturas atopadas que formarán parte da correspondente memoria técnica que dará conta do estado de conservación destes restos. Cómpre destacar que a Xunta está a investir 16.940 euros destinados ás sondaxes e á realización de dito estudo.


- Te recomendamos -