Inicio Galicia O Bono Concilia beneficiará neste curso a 4400 familias, un 20% máis...

O Bono Concilia beneficiará neste curso a 4400 familias, un 20% máis que o ano pasado

0

Increméntase o crédito desta iniciativa ata os 4,7 millóns de euros para atender a todas as solicitudes que cumpran cos requisitos da orde e conseguir así lista de agarda cero no curso 2018/2019


A Xunta de Galicia amplía o crédito do Bono Concilia en máis de 1,2 millóns de euros ata acadar unha contía global de 4,7 millóns. Esta medida permitirá que neste curso 2018/2019 as familias beneficiadas por esta axuda directa sexan máis de 4400. Esta iniciativa permítelles elixir a escola infantil que desexan para os seus fillos e fillas a aquelas familias que teñan dereito a unha praza pública e non accedesen a ela. Esta cifra supón aumentar nun 20% o número de pais e nais que recibirán esta achega en comparación co curso pasado, no que foron 3700.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este incremento crediticio que ten como obxectivo que reciban esta axuda todos os solicitantes que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria. De feito, dispoñer de maior marxe orzamentaria fará posible que non haxa lista de agarda nos centros de atención á primeira infancia de 0 a 3 anos. Ao igual que nesta ocasión, xa en convocatorias anteriores leváronse a cabo ampliacións de crédito neste programa, que non ten un límite de gasto prefixado para non deixar a ningunha familia sen achega no caso de que lle corresponda.

A contía da axuda que se percibe por cada praza de xornada completa oscila entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros (con servizo de comedor incluído) para as rendas máis baixas. Cómpre destacar que o Bono Concilia é compatible con outras axudas que poidan recibir as familias para a mesma finalidade sempre que non superen o custe da praza.

Maior coberturaO Bono Concilia constitúe un recurso máis que a Consellería de Política Social pon á disposición das familias para facilitar a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, pois facilita o acceso dos nenos e nenas a unha praza de escola infantil. Ao respecto, cómpre indicar que na actualidade o número de prazas en escolas de 0 a 3 anos que dependen da Xunta de Galicia ou nas que participa a Administración autonómica son preto de 24.400, preto do dobre que en 2009.

Esta cifra sitúa a Galicia nunha ratio de cobertura do 42%, nove puntos por riba da mínima aconsellada pola Unión Europea.


- Te recomendamos -