Inicio Galicia A Xunta disporá a principios do vindeiro ano dun proxecto para resolver...

A Xunta disporá a principios do vindeiro ano dun proxecto para resolver os problemas de saneamento do polígono da Madanela, en Melide

0

Teresa Gutiérrez destaca que no marco desta colaboración, na que tamén están a traballar outras consellerías, Augas de Galicia xa está a avanzar na tramitación dun novo contrato para iniciar a redacción do proxecto antes de fin de ano


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta terá redactado a principios do vindeiro ano un proxecto para resolver os problemas de saneamento do polígono da Madanela, en Melide.

Gutiérrez reiterou que o Goberno galego está prestando apoio ao Concello de Melide na busca dunha solución a estas carencias, tendo en conta que Augas de Galicia non ten responsabilidades en saneamento e depuración, que son competencias municipais.

Explicou que no marco desta colaboración, na que tamén están a traballar outras consellerías, Augas de Galicia xa está a avanzar na tramitación dun novo contrato para iniciar a redacción do proxecto antes de fin de ano. Lembrou que foi preciso resolver o contrato adxudicado en 2017 por motivos alleos á Xunta e comezar outro.

Concretou que esta fase ten como obxectivo realizar un estudo de alternativas de conexión do polígono coa depuradora de Melide, xa existente, e co seu sistema de saneamento.

A directora sinalou que estas accións son a continuación doutros traballos que o Executivo autonómico vén impulsando para mellorar a situación. Así, lembrou que nunha primeira fase, se executou un novo tramo de colector de recollida de augas residuais, se fixeron reparacións para a correcta separación de vertidos de augas fecais e pluviais e se instalaron equipos de control do efluente final da rede de augas fecais.

Teresa Gutiérrez concluíu que estes traballos amosan o compromiso e o apoio técnico e económico que a Xunta lle está a trasladar ao Concello de Melide para acadar un sistema de saneamento máis eficiente.


- Te recomendamos -