Inicio Galicia A Xunta investiu preto de tres millóns de euros en ampliar e...

A Xunta investiu preto de tres millóns de euros en ampliar e modernizar o Laboratorio de Medio Ambiente ata convertelo nun centro punteiro en Europa

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as novas instalacións do organismo en A Coruña, un dos dous centros de traballo cos que conta na comunidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizou preto de tres millóns de euros nos últimos sete anos para dotar ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia da última tecnoloxía dispoñible, os mellores equipamentos e unhas instalacións modernas e axeitadas ao labor que desempeña.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita á sede en A Coruña deste organismo, onde atribuíu ao esforzo investidor da Xunta e ao bo facer das case 50 persoas que traballan nel, o feito de que hoxe Galicia poida contar cun laboratorio de análise medioambiental punteiro e “ao mesmo nivel que os centros de referencia na materia en Europa”.

Neste sentido, a conselleira incidiu na importancia que ten a investigación e o control de datos para coñecer determinados patróns de comportamento dos fenómenos meterolóxicos, así como a necesidade de que a administración dispoña de datos fiables e contrastados sobre a calidade do aire, das augas ou os niveis de contaminación para poder anticiparse a posibles circunstancias adversas e protexer o noso entorno e o medio ambiente.

Tras indicar que o Laboratorio de Medio Ambiente é un “gran descoñecido” para a cidadanía a pesar do “imprescindible” labor que realiza desde o ano 1992, Vázquez Mejuto enumerou os principais eixes de actuación que ten na actualidade este departamento.

Así, referiuse por unha banda ás múltiples análises que se levan a cabo no laboratorio, incluíndo analíticas de contaminantes en auga, aire e solos, análises microbiolóxicas e a toma de mostras no marco de tres programas de control: o de calidade das augas en colaboración con Augas de Galicia, o de avaliación da calidade do aire, e o de seguimento das autorizacións ambientais integradas de industrias e empresas, en apoio á Dirección Xeral de Calidade Ambiental.

Do mesmo xeito, a conselleira explicou que o laboratorio é o órgano substantivo en materia de control de emisións á atmosfera xa que xestiona o rexistro de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera e realiza informes e controis de seguimento.

Por último, co fin de compartir e poñer a disposición doutros organismos públicos os seus coñecementos, engadiu que tamén realiza análises a petición de institucións como o Seprona ou a Policía para axudar a esclarecer incidentes relacionados co medio ambiente.

Un millón de euros para reformar a sede coruñesaPara garantir que o laboratorio poda desenvolver todas estas funcións coa maior eficacia e garantías posibles, Ángeles Vázquez detallou as actuacións e melloras levadas a cabo desde o ano 2011 por parte do actual Goberno galego. A máis recente, foi a obra de ampliación acometida o ano pasado na sede coruñesa do organismo, que conta ademais con outro centro de traballo en Pontevedra.

Os 600.000 euros mobilizados nesta reforma, que permitiu dotar ao edificio de catro novas salas de laboratorio, unha sala multiusos e unha zona de almacenamento de material, súmanse aos 300.000 euros que no ano 2011 se destinaran xa á reforma da primeira planta do laboratorio polo que, en conxunto, a Consellería de Medio Ambiente dedicou case un millón de euros á mellora e acondicionamento destas instalacións.

De igual xeito, Ángeles Vázquez cifrou en case dous millóns de euros o investimento realizado nos últimos cinco anos co fin de dotar ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia do mellor equipamento tecnolóxico e dos instrumentos de análise e medida máis modernos, avanzados e fiables.


- Te recomendamos -