Inicio Galicia Máis de 500 persoas participarán nas segundas oposicións da Xunta de Galicia...

Máis de 500 persoas participarán nas segundas oposicións da Xunta de Galicia reservadas á discapacidade intelectual

0

O número de participantes aumenta un 18% respecto aos primeiros procesos

Un total de 508 persoas veñen de ser admitidas para participar nas segundas oposicións da historia da Xunta de Galicia reservadas especificamente para a discapacidade intelectual, o que supón un incremento do 18% nas admisións respecto ás primeiras oposicións. Todas estas persoas aspiran a unha praza de persoal subalterno na Administración galega.

Os participantes neste proceso terán máis posibilidades de acceder a unha praza de emprego público, xa que o número de prazas convocadas pasou de 6 a 24. Esta será a segunda promoción de empregados públicos da Administración autonómica con discapacidade intelectual, xa que a primeira xa está a traballar desde hai meses en distintas consellerías da Xunta de Galicia.

Tal como recolle a resolución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, a relación de persoas admitidas e excluídas pódese consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal. Para realizar este proceso, a Consellería de Facenda conta coa colaboración de Down Galicia e da Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), co obxectivo conxunto facilitar a entrada deste colectivo na Xunta de Galicia.

Estas oposicións son as segundas da historia da Xunta de Galicia reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual. Respecto ao proceso anterior para o ingreso na categoría de ordenanza –no que foran admitidas un total de 429 persoas- a convocatoria actual supón un aumento dun 18%.

Como peculiaridade deste proceso selectivo respecto ao resto das oposicións xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes. Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral da Función Pública dará a coñecer as listas definitivas de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia.

Dous exerciciosA oposición constará de dous exercicios. O primeiro (obrigatorio e eliminatorio) consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de 45 preguntas: 20 preguntas da parte xeral do programa e 25 preguntas sobre contidos prácticos do traballo a realizar incluídos na parte específica do programa. O segundo exercicio (obrigatorio e non eliminatorio) centrarase na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte das persoas aspirantes da lingua galega.

Adaptación ao entorno laboralPara facilitar a adaptación ao seu novo entorno laboral, a Xunta realizará accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no ano de inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.


- Te recomendamos -