As axudas chegaron a todas as EPIS que as solicitaron: 14 da provincia da Coruña, outras tantas da de Pontevedra e as dúas restantes situadas nas provincias de Lugo e Ourense
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia vén de conceder a 30 escolas infantís de iniciativa social (EPIS) achegas económicas por un valor total de preto de 400.000 euros para a mellora das instalacións, a adquisición de novo equipamento e a incorporación de novas tecnoloxías. Estas subvencións enmárcanse na orde de axudas específica para estes centros que por segundo ano consecutivo sacou adiante a Consellería de Política Social, co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Con esta nova convocatoria o Goberno galego chegou a todas as EPIS que solicitaron acollerse ao programa: 14 da provincia da Coruña, outras tantas da de Pontevedra e as dúas restantes situadas nas provincias lucense e ourensá. Finánciase ata o 100% do investimento subvencionable cunha contía máxima que pode recibir cada centro de 25.000 euros: un máximo de 15.000 euros para as obras de mellora e de 10.000 para a compra de equipamento máis a integración das novas tecnoloxías nas aulas.
Máis en concreto, as intervencións subvencionables son as obras menores de adecuación da infraestrutura, así como traballos novos que melloren a accesibilidade da escola ou a doten dos servizos necesarios. Estas axudas tamén cobren a adquisición e renovación do equipamento do centro, incluído o mobiliario exterior ou interior e o material didáctico e de xogo. Así mesmo, as achegas están dirixidas a dotar aos centros de conexión a internet e a compra de dispositivos tecnolóxicos como encerados dixitais ou ordenadores, entre outros. As entidades teñen de prazo para xustificar as intervencións feitas ao abeiro desta orde ata o día 5 do vindeiro mes de decembro.
Aposta pola infanciaEstes investimentos en EPIS responden ao compromiso do Executivo galego coas familias e a infancia. Trátase de que as nais e os pais teñan ao seu alcance os mellores centros para os seus fillos e fillas e, ademais, de facilitar a conciliación. De feito. A día de hoxe Galicia ofrece máis de 24.000 prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos, o que eleva a ratio de cobertura a preto do 42% -nove puntos máis que a mínima recomendada pola Unión Europea-.
Nesta liña, cómpre indicar que os novos orzamentos da Xunta para 2019 destinan 143 millóns de euros a políticas de apoio ás familias e á infancia, o triplo do que se dedicaba a este obxectivo hai nove anos.
- Te recomendamos -