Continuarase coa implantación de novas medidas en favor da conciliación, como o incremento das prazas en escolas infantís, o achegamento destes servizos ao rural e contornas industriais ou o aumento das axudas directas para a crianza dos fillos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, reiterou hoxe o importante papel que teñen as persoas maiores nas familias como apoio para o coidado dos máis pequenos e asegurou que son “heroes silenciosos que en moitos ocasións asumen esta tarefa cando non poden facela os pais”. Neste sentido, apuntou que “os avós e avoas deben poder pasar cos seus netos e netas tanto tempo como queiran, pero a responsabilidade de coidalos non debe recaer exclusivamente neles”.
Fabiola García trasladou este recoñecemento durante o acto de inauguración da xuntanza de avós e avoas educadores que se celebrou na Cidade da Cultura. Neste evento déronse cita os participantes nesta iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración con Cruz Roja Galicia.
Durante a intervención a conselleira destacou que a Xunta xa leva tempo coa implantación de medidas en favor da conciliación, como o incremento da oferta de prazas en escolas infantís, o achegamento destes servizos a parroquias rurais e polígonos industriais, o aumento das axudas directas para a crianza dos fillos ou a ampliación do permiso de maternidade para o persoal da Administración autonómica. Nesta mesma liña, apuntou a necesidade de que tanto as administracións como o sector privado e sociedade en xeral “esteamos máis concienciados en cuestións como a corresponsabilidade familiar e a racionalización de horarios”.
Máis de 450 participantesNeste contexto, a conselleira destacou a importancia da escola de avós e avoas educadores, pola que desde a súa implantación no ano 2016 pasaron máis de 450 persoas. Esta iniciativa, ademais de ofrecer apoio nos labores de coidadores, permite compartir experiencias e estreitar aínda máis os lazos cos netos e netas.
A Xunta e Cruz Roja Galicia desenvolven este programa nas sete grandes cidades de Galicia. Outra das finalidades do mesmo é proporcionar información e recursos aos avós e avoas para abordar situacións que se lles presenten cos seus netos no día a día. Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós e pais co coñecemento de realidades e tendencias novas para eles en temas como as redes sociais, a resolución de conflitos e o acoso escolar ou novas ferramentas lúdicas e educativas.
- Te recomendamos -