A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar no primeiro trimestre de 2019 os traballos da infraestrutura, cofinanciada pola Xunta, Adif e o Concello de Santiago
Un total de quince empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras da pasarela peonil da estación intermodal de Santiago, que suporá un investimento de 5,6 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé iniciar no primeiro trimestre de 2019 a execución dos traballos desta infraestrutura, que cofinancian a Xunta de Galicia, Adif e o Concello de Santiago, en virtude do convenio de colaboración asinado polas tres administracións.
Estas obras acompasanse aos de execución, xa iniciados, da nova estación de autobuses, na que a Xunta inviste 10,4 millóns de euros.
Ambas intervencións, a nova estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Co cofinanciamento das obras da pasarela a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios moito máis alá da cidade, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.
Nas obras da pasarela distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, nos que a construción estará condicionada polo funcionamento da estación de ferrocarril, e a zona da estación de autobuses.
A execución da pasarela peonil urbana que conectará a estación de ferrocarril coa nova estación de autobuses servirá para a mellora a conexión entre dúas zonas da cidade de Santiago separadas pola infraestrutura ferroviaria, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.
No tocante á súa estrutura, a pasarela está formada por dúas partes diferenciadas, a plataforma de formigón e estrutura metálica porticada, dependendo dos usos e da zona sobre a que se sitúe. Terá un ancho que varía entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros, ademais a pasarela executarase cuberta con lucernarios e fachadas cun deseño translúcido.
- Te recomendamos -