Vázquez Mourelle explica que o documento marco deste plan se elevará ao Consello da Xunta a finais deste mes, tal como xa adiantou esta mañá o presidente Feijóo
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, inaugurou esta tarde as xornadas técnicas ‘A situación do transporte en Galicia’, ao abeiro da feira ExpoBus Iberia,onde salientou que o Plan de transporte público de Galicia permitirá adaptar ao século XXI os servizos de transporte público en autobús.
Vázquez Mourelle explicou que a Xunta vén de remitirlle ao Consello Galego de Transportes o documento marco do Plan de transporte público de Galicia para abordalo na vindeira reunión e elevalo ao Consello da Xunta a finais deste mes, tal como xa avanzou esta mañá o presidente Feijóo.
Subliñou que o elemento clave a acadar é a calidade, en horarios, no transporte e nos servizos. Así, afirmou que os usuarios deben ter transbordos con outros autobuses ou con taxis, trens e avións; poder consultar nos seus móbiles canto vai tardar o bus, pagar coa tarxeta de transporte ou co móbil e ter acceso a wifi ou puntos de recarga de dispositivos.
O Goberno galego aposta por continuar coa mellora dos servizos de transporte colectivo na liña do traballo xa feito e para iso os orzamentos 2019 reservan máis de 32,4 M€, aos que hai que engadir os máis de 100 M€ que prevé a Consellería de Educación.
Sinalou que estas cifras permitirán abordar a implantación dunha área de transporte de Galicia, que implica estender a toda a comunidade as vantaxes do Plan de transporte metropolitano, co uso da tarxeta en todos os vehículos do sistema de transporte público para realizar o pagamento dos billetes con bonificacións.
Adiantou o propósito de estender a toda Galicia o proceso modernizador do transporte, cun novo programa tarifario máis racional, equilibrado e igualitario. Precisou que isto está pensado para que estas medidas se estendan no ano 2019 á nova flota de 4.000 autobuses, que serán máis modernos, accesibles e sostibles dende o punto de vista ambiental.
A conselleira subliñou que o Plan de transporte metropolitano continúa a posibilitar aforros económicos para os usuarios que poden chegar os 900€ o ano para un viaxeiro frecuente nas áreas de Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo e Vigo.
Fixo fincapé noutro grande eixe sobre o que pivotarán os servizos de transporte colectivo, a segunda fase do Plan de transporte público de Galicia. Unha 1ª fase xa fixo posible que a comunidade non se quedara nin un só día sen transporte, tendo un alcance de 800 novas liñas, 10.000 paradas e 5.000 horarios.
Avanzou que no ano ano 2019, coa 2ª fase, continuarase apostando por estender as dúas novas modalidades de transporte, xa que nestes meses o autobús compartido rexistrou 115.000 usuarios non escolares, 3 millóns de quilómetros e cero incidencias, e o transporte a demanda, máis de 2.500 chamadas á central de reservas.
Concluíu que se trata dun plan bo para Galicia, ao despregar un sistema de transporte público para dar resposta ás demandas actuais e futuras de mobilidade dos galegos.
- Te recomendamos -