Inicio Galicia Román Rodríguez comproba o avance da musealización da casa de Álvaro Cunqueiro,...

Román Rodríguez comproba o avance da musealización da casa de Álvaro Cunqueiro, que mobiliza un investimento de 120.000 ?

0

O conselleiro de Cultura e Turismo tamén se trasladou á Catedral, na que este 2018 se realizaron dúas actuacións, por preto dun millón de euros, co obxectivo de restaurar as cubertas da basílica e do claustro, así como a casa dos Cóengos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, comprobou hoxe o avance nos traballos de musealización da Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro, que rematarán a final de ano. Con este obxectivo a Xunta mobilizou máis de 120.000 euros a través dun convenio entre a Consellería e o concello de Mondoñedo asinado o pasado xullo.

En concreto, a actuación inclúe unha parte dotacional que abrangue a adquisición de equipos audiovisuais, a instalación do sistema de seguridade e accesibilidade do centro, a produción de contidos gráficos e audiovisuais, así como da moblaxe específica para o espazo expositivo; e outra parte de documentación e deseño de contidos da musealización do fogar de Cunqueiro.

Román Rodríguez lembrou que o proxecto dun museo para o príncipe das letras mindonienses é unha aspiración colectiva do pobo de Mondoñedo. Neste sentido, afirmou que esta casa museo será un novo referente no eido do turismo literario para Galicia, recordando que Mondoñedo e a praza da Catedral son puntos principais dos Camiños do Norte, incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Preto dun millón de euros na CatedralPrecisamente, o conselleiro tamén aproveitou para trasladarse á Catedral de Mondoñedo, onde o seu departamento realizou dúas intervencións, que mobilizaron un orzamento próximo ao millón de euros, este 2018.

En primeiro lugar, o pasado mes de abril remataron os traballos de restauración da primeira actuación, na casa dos Cóengos, na que se investiron preto de 280.000 euros. En concreto, as obras consistiron na consolidación e reforzo dos muros de carga, reposición nas zonas deterioradas e da estrutura da cuberta. Restaurouse tamén o entaboado de madeira, a escaleira e as carpinterías exteriores, ademais de dotar ao edificio de preinstalación eléctrica.

Pola súa banda, a segunda actuación, rematada no mes de agosto, centrouse na restauración da cuberta da basílica e do claustro. Cun orzamento de 649.608,15 €, as necesidades que se cubriron están relacionadas coas filtracións de auga por defectos construtivos e as malas solucións de deseño en ambas as dúas zonas de intervención.

Os traballos máis importantes que se desenvolveron serviron para reparar a zona dos apoios nas cerchas, así como a substitución completa ou parcial das mesmas. Tamén se eliminou a parte de madeira danada, que se repuxo mediante pezas de carballo; retirouse a parte da albura afectada polo caruncho nas cerchas, pontóns e durmintes. Así mesmo, tamén se desmontaron, acondicionaron e recolocáronse os pontóns existentes e substituíronse un 25% dos mesmos. Tamén se cambiou o sistema de cubrición.

Ademais, no claustro procedeuse á substitución das ripias e lousas por outras de similares características ás do resto do templo; desmontáronse as cornixas e balaustradas para a súa posterior recuperación; substituíronse os lucernarios e limpáronse a fachada.

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua. 


- Te recomendamos -