Inicio Galicia A Xunta estuda co concello de Rois as necesidades da Escola Infantil...

A Xunta estuda co concello de Rois as necesidades da Escola Infantil da Rede A Galiña Azul nese municipio

0

Esta localidade conta cunha rateo de cobertura pública en escolas infantís do 42%, nove puntos por riba da mínima recomendada pola Unión Europea


O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e por técnicos da unidade de Obras do Consorcio, visitou esta mañá a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul nese concello coruñés, que oferta 38 prazas para nenos de 0 a 3 anos no presente curso 2018-2019.

Xerente e alcalde aproveitaron o encontro para estudar as necesidades dese centro e o rexedor propúxolle a Rodríguez a posibilidade de ampliar a escola roisense, en caso de que no futuro se produza un aumento da demanda. Na actualidade hai 31 nenos e nenas matriculados do total de 38 prazas ofertadas, cunha taxa de cobertura pública no Concello do 42%, nove puntos por riba do mínimo recomendado pola Unión Europea.

No caso de que fose necesario acometer unha ampliación do centro de Rois, empregaríase o modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, o concello se faría cargo inicialmente dos gastos das obras, que posteriormente asumiría a Administración autonómica.

Cómpre lembrar que a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que xestiona o centro de Rois, xa levara a cabo nel importantes melloras no mes de xullo de 2016, cun investimento de case 16.000 euros. Esa actuación permitiu por exemplo a instalación de toldos para protección do efecto do calor no patio exterior da escola ou a apertura dunha porta interior de conexión entre aulas.


- Te recomendamos -