O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, inaugurou hoxe un curso no que se aborda a aplicación das TICs á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe en Verín na inauguración do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións, que, a través da Lei de implantación empresarial a Xunta favoreceu a creación da xanela única e a eliminación, con carácter xeral, da autorización das cortas e a súa substitución por unha comunicación previa (declaración responsable) para reducir os prazos administrativos.
Esta medida veu acompañada da posta en marcha dunha plataforma de comunicacións e autorizacións de aproveitamentos forestais que facilita a tramitación, un aspecto clave segundo Lema, tendo en conta que a maior parte dos vendedores son propietarios individuais e persoas físicas. Así, no distrito forestal de Ferrol cortáronse o ano pasado 996.000 m3, dos cales o 97% eran de particulares.
Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, en menos de catro meses, esta plataforma en liña recibiu 17.130 solicitudes, o que se traduce nuns 155 trámites diarios. Deles, a maioría son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que o solicitante non ten que esperar unha resposta da administración.
O curso que hoxe bota a andar está impulsada pola Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) co impulso da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. búscase dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía.
Dentro desta Estratexia, hoxe publícanse no DOG as axudas para o desenvolvemento de 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros e das que se benefician sete entidades, entre as que se atopa Fearmaga. Ademais, Xera incorporará dous simuladores portátiles de procesadora e autocargador forestal para a formación dos profesionais do sector forestal de Galicia.
- Te recomendamos -