A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe coa presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, reuníronse esta mañá co obxectivo de avanzar na elaboración dunha análise de varios programas postos en marcha conxuntamente en materia de violencia de xénero.
O obxectivo é ter rematado este estudo, que xa está en marcha, antes de que remate o ano. A análise céntrase en dous programas: o de atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero; e o programa “Abramos o círculo”, para homes con problemas de control do comportamento.
O primeiro deles, o programa de atención psicolóxica, céntrase nas mulleres que sufran violencia de xénero e nos seus fillos e fillas menores ou outras persoas do contorno familiar que padezan estas situacións. A través do mesmo, ofértanse recursos terapéuticos, ademais de ser un apoio de cara á recuperación ou adquisición de habilidades necesarias para lograr máis autonomía e a integración plena na vida social e laboral.
Por outra banda, o programa “Abramos o círculo” é unha iniciativa de apoio especializada dirixida a aqueles homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella ou familia e que desexan adquirir novos modos de comportamento exentos de agresividade.
- Te recomendamos -