A conselleira de Política Social, Fabiola García, cualificou hoxe ás persoas maiores como “o principal activo de Galicia” durante a conmemoración do 40 aniversario de Aulas Sénior de Galicia-Ategal, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos. Nesta liña, a conselleira destacou que os galegos e galegas de máis idade son “a memoria, a experiencia, a sabedoría e a dignidade desta terra”, polo que garantiu o compromiso da Xunta de continuar co traballo para devolverlles todo o que fixeron pola comunidade.
Durante a intervención, Fabiola García enxalzou a traxectoria de Aulas Senior de Galicia –Ategal, ao tempo que confirmou a continuidade da colaboración coa programación de cursos e actividades da mesma, que este ano xa se incrementou nun 5%. Na actualidade, a entidade conta con máis de 1500 socios e ten en funcionamento nove delegacións na Coruña, Ferrol, Monterroso, Lugo, Ourense, Padrón, Santiago, Vigo e Vilalba.
- Te recomendamos -