Inicio Galicia Galicia avalía co Goberno central e outras comunidades autónomas os avances na...

Galicia avalía co Goberno central e outras comunidades autónomas os avances na simplificación dos controis da PAC

0

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu en Badaxoz a unha xornada sobre esta cuestión

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe en Badaxoz á xornada “Cara unha simplificación real dos controis da PAC”. Neste encontro participaron representantes de diferentes organismos pagadores de toda España, entre eles o propio Balseiros, como director do Fondo Galego de Garantía Agraria, ente adscrito á Consellería do Medio Rural e que xestiona o pagamento de fondos da PAC na nosa comunidade.

A xuntanza de traballo serviu para avaliar as medidas impulsadas polas diferentes administracións a prol dunha simplificación efectiva nos controis por superficie, analizando a situación actual tanto en España como na Unión Europea. No caso galego, o Fogga vén colaborando nestas tarefas co Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), mediante un convenio que define o emprego de diferentes medios técnicos e humanos para levar a cabo estas tarefas.

Entre estes medios atópase dende o ano 2017 o uso de satélites para controlar tanto os usos dos terreos como as superficies, xa que estes son factores dos que depende a concesión e a contía das axudas. Os controis vía satélite complementan os que se fan sobre o terreo por parte de persoal do Fogga, en cumprimento da normativa que regula estas axudas comunitarias.

MonitorizaciónEste tipo controis “por monitorización” teñen fundamentalmente un carácter preventivo, e caracterízanse por facerse de xeito continuo ao longo da campaña e non nun período de tempo determinado, co obxectivo final de determinar a existencia de actividade agraria no medio rural.

Nesta xornada estiveron presentes representantes do propio Fega e do Goberno Central, xunto a expertos de comunidades autónomas como Estremadura e Canarias, así como de Portugal, que explicaron os sistemas de custes simplificados que puxeron en marcha nos seus respectivos programas de desenvolvemento rural (PDRs) para aplicar estes controis.


- Te recomendamos -