Na Feira Internacional de Importación de China exhiben os seus produtos 14 empresas galegas do sector agroalimentario ás que a Xunta acompaña na misión comercial ao país
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, enxalzou hoxe o potencial do sector agroalimentario galego ao que considerou a imaxe da ‘Marca Galicia’ no mercado internacional. Así o manifestou en Xangai durante a celebración do Día de Galicia na Feira Internacional de Importación de China, onde exhiben os seus produtos as 14 empresas galegas ás que a Xunta acompaña na misión comercial que están a realizar no país.
Trátase de Pescanova, Albo, Bodegas Martín Códax, Vinigalicia, Viña Costeira, Lanzal-Galfrío, Galmesano, Mieles Anta, Mejillones Nidal, Feiraco Lácteos, Bodegas Terras Gauda, Grupo Pereira, Grupo Coren e Aceites Abril.
Ao acto asistiu o equipo directivo da multinacional Bright Food, que apoiou a presenza de Galicia neste evento cedéndolle un espazo propio no seu expositor, e o vicealcalde de Xangai, Chen Yi, que asistiu á celebración xunto a representantes da Autoridade Portuaria de Vigo, da Cámara de Comercio da Coruña e do Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Na súa intervención, Conde sinalou que o feito de que Galicia poida participar nunha feira internacional tan importante supón un verdadeiro fito para a industria agroalimentaria galega e o mellor escaparate para amosar as súas calidades. Unha ocasión inmellorable, abondou, para as empresas do sector agroalimentario galego “que tiveron a oportunidade de expoñer os seus produtos de calidade, de innovación, que están posicionando a nosa marca, a marca ‘Galicia Calidade’, en todo o mundo e nomeadamente aquí, en China”.
Nesta liña, reiterou o seu agradecemento aos responsables da multinacional chinesa Bright Food por facer posible que Galicia sexa unha das rexións que estea presente neste evento, que acolle máis de 2800 empresas de 130 países e concentra máis de 100.000 compradores profesionais.
O conselleiro confiou en que contribuirá a posicionar a ‘Marca Galicia’ no mercado asiático, tendo en conta que China é a segunda economía mundial e o segundo importador e consumidor do mundo. Hai, polo tanto, un sinfín de posibilidades que explorar para as empresas galegas, dixo, e, ao respecto, referiuse aos datos de exportacións do sector agroalimentario.
Exportacións da industria agroalimentaria a ChinaConde precisou que en 2017 supuxo o 19,7% das exportacións galegas a China. E que nos oito primeiros meses do ano, de xaneiro a agosto, rexistrou un incremento do 30,6%, polo que se sitúa por riba do 25% do total das vendas que Galicia fai a este país. De feito, Galicia é a oitava comunidade autónoma máis exportadora de produtos agroalimentarios cara a China, cun 4% do total das exportacións españolas; e China representa o oitavo destino das vendas ao exterior tanto do sector agroalimentario galego como español.
O conselleiro concluíu asegurando que participar na Feira Internacional de Importación de China é un dos principais motivos desta misión comercial que a Xunta encabeza porque o obxectivo é apoiar as empresas galegas que queren abrirse paso no mercado chinés. Neste contexto, lembrou que programas como o Galicia Exporta Empresas, que hoxe mesmo acaba de resolverse con axudas a 261 empresas por un importe que rolda os 5 millóns de euros, son unha das medidas de apoio que a Administración galega pon á disposición das empresas que queren internacionalizar os seu mercados.
- Te recomendamos -