O obxectivo é coordinar accións para minimizar accidentes de tráfico e mellorar a seguridade viaria, con especial fincapé nos usuarios máis vulnerables das vías
A Xunta vén de trasladarlle ao Goberno unha proposta de protocolo en materia de seguridade viaria, que se propón analizar na xuntanza que mañá manterá coa Delegación do Goberno en Galicia.
O obxectivo deste acordo é fomentar o desenvolvemento de distintas actuacións para a prevención dos accidentes de tráfico e a mellora da seguridade viaria, no marco da coordinación entre Administracións.
O Goberno galego destaca como propósito fundamental a redución dos riscos no tránsito polas estradas dos usuarios máis vulnerables, para o que considera necesarias accións dirixidas a nenos, maiores, persoas con mobilidade reducida, ciclistas ou motociclistas.
No que se refire aos compromisos da Xunta, proxéctanse diversas actuacións no marco do vixente Plan de seguridade viaria 2016- 2020. Así, destacan a continuación do desenvolvemento da estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica; do Plan de reforzos de firme; ou do Plan de Sendas.
No eido da sensibilización, o Goberno galego seguirá efectuando programas de educación viaria nos colexios da comunidade e campañas de concienciación de condutas axeitadas nas estradas nos medios de comunicación.
Tamén continúan os cursos de condución segura de motocicletas, prevéndose 16 xornadas de formación no período 2018-2020. Nestes exercicios, a Xunta distribuirá 30.000 chalecos reflectantes para peóns e 3.000 cortaventos para os ciclistas.
En relación aos compromisos do Goberno, o protocolo propón a realización de actuacións a través da Dirección Xeral Xefatura de Tráfico e a coordinación das mesmas coa Xunta.
O borrador establece que a Axencia Galega de Infraestruturas entregará á DXT 15.000 chalecos reflectantes para peóns e 1.000 cortaventos para ciclistas co fin de que realice o seu reparto.
A Xunta solicita á Administración estatal que tamén acometa a supresión de tramos de concentración de accidentes nas estradas da súa titularidade para complementar as que está executando o Goberno galego.
Outra medida proposta ao Ministerio de Interior é a disposición de bandas sonoras nas liñas brancas de bordo de carril e eixos de tramos interurbanos de estradas ou as melloras de seguridade en travesías.
A proposta tamén fixa como compromiso do Goberno central actuar para a mellora da seguridade viaria dos peregrinos en tramos de estradas estatais próximos aos Camiños de Santiago e a adquisición de sinais luminosas de advertencia da súa presenza.
- Te recomendamos -