A Xunta de Galicia investiu máis de 476.000 euros nesta actuación, que permitiu o illamento da fachada, a instalación de calefacción por biomasa e a substitución de luminarias e de carpinterías
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe Santa Lucía, na localidade pontevedresa de Moraña, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral e enerxética que se desenvolveron este ano no centro e que supuxeron un investimento de máis de 476.000 euros.
A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER- abrangueu o illamento térmico da fachada exterior, a instalación de calefacción por biomasa, e a substitución das actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Así mesmo, procedeuse á substitución das carpintarías en mal estado, verteaugas, vidros e proteccións solares, é á reparación e pintado de paramentos interiores. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético estimado anual do 84,3%.
Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético -e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.
Ademais do investimento realizado, a conselleira quixo salientar a participación deste centro nos programas educativos de innovación e reforzo impulsados desde o seu departamento. Non en balde, o CPI uniuse este curso ao libro dixital a través do proxecto E-Dixgal, conta co apoio dun auxiliar de conversa por ser plurilingüe e conta cun kit de robótica ao abeiro da convocatoria realizada pola Consellería para dotar destes materiais aos centros de primaria. A maiores, o colexio participou o curso pasado en varias liñas dos contratos-programa, co fin de reforzar a aprendizaxe do alumnado, a súa competencia matemática e lingüística, así como para mellorar a convivencia nas aulas.
No referido a iniciativas en colaboración con outras entidades, o CPI Santa Lucía tomou parte en varias accións do Plan Proxecta (Xogade, Recíclate co Sogama e Proxecto Ríos) e desenvolve programas de mobilidade dentro do Erasmus+.
CEIP do Carballal Tras o seu paso por Moraña a conselleira visitou tamén o CEIP do Carballal (Marín), que, se ben aínda non está integrado na rede de centros plurilingües, si conta con seccións bilingües en 3º e 4º de Primaria, a través das que o seu alumnado mellora as súas competencias en inglés. O centro marinense tamén desenvolveu o curso pasado varias liñas dos contratos-programa, referido ao reforzo da aprendizaxe, á mellora das competencias clave e á procura da excelencia.
No que atinxe a iniciativas educativas en colaboración con outras consellerías e institucións, o CEIP participa en accións de promoción dos hábitos de vida saudable e do uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado, en ambos os casos a través do Plan Proxecta. Así mesmo, o colexio participou no Proxecto PITEAS, de apoio e asesoramento na detección do talento do alumnado.
A de hoxe enmárcase na rolda de visitas que está a realizar a conselleira a centros de ensino de toda Galicia para coñecer de primeira man as realidades das diferentes comunidades educativas e as súas necesidades, así como para comprobar o desenvolvemento dos programas educativos que se impulsan desde o seu departamento. Carmen Pomar estivo acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez e polas alcaldesas de Moraña, María Luisa Piñeiro Arcos, e de Marín, María Ramallo, nos respectivos concellos.
- Te recomendamos -