Inicio Galicia A Xunta impulsa en Verín a formación en novas tecnoloxías dos profesionais...

A Xunta impulsa en Verín a formación en novas tecnoloxías dos profesionais da Industria Forestal Galega

0

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, inaugurou hoxe un curso no que se aborda a aplicación das TICs á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe en Verín na inauguración do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións, que, a través da Lei de implantación empresarial a Xunta favoreceu a creación da xanela única e a eliminación, con carácter xeral, da autorización das cortas e a súa substitución por unha comunicación previa (declaración responsable) para reducir os prazos administrativos.

Esta medida veu acompañada da posta en marcha dunha plataforma de comunicacións e autorizacións de aproveitamentos forestais que facilita a tramitación, un aspecto clave segundo Lema, tendo en conta que a maior parte dos vendedores son propietarios individuais e persoas físicas. Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, en menos de catro meses, esta plataforma recibiu 17.130 solicitudes, o que se traduce nuns 155 trámites diarios. Deles, a maioría son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que o solicitante non ten que esperar unha resposta da administración.

Na súa intervención, o director de Xera indicou que, tamén no esforzo por promover a innovación no sector, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG a resolución das axudas destinadas a impulsar as melloras en procesos e produtos no forestal e que permitirá mobilizar máis de 2 millóns de euros, entre investimentos públicos e privados. A través deste programa pioneiro, promóvese a xeración de valor en 13 pemes e microempresas da segunda transformación da madeira, carpintaría, fabricación de mobles e nas compañías do sector contract nos procesos que utilicen produtos forestais.

O curso que hoxe bota a andar está impulsada pola Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) co impulso da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. búscase dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía. Dentro desta Estratexia, estanse a desenvolver 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros das que se benefician sete entidades, entre as que se atopa Fearmaga. 


- Te recomendamos -