Inicio Galicia Os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, dotados con 3000 euros en cada...

Os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, dotados con 3000 euros en cada unha das modalidades, entregaranse o vindeiro día 19

0

Os vencedores nesta sexta edición terán tamén acceso a un programa de titoría personalizado e a posibilidade de incorporarse de balde durante 12 meses ao coworking do Gaiás


O próximo 19 de novembro terá lugar a entrega dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura, para favorecer a creación de novas empresas no eido das industrias culturais e creativas, e que contan co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape. Os gañadores daranse a coñecer nun acto no que tamén participará a escritora e divulgadora, Elsa Punset, referente mundial na aplicación da intelixencia emocional como ferramenta para o cambio positivo.

Nesta sexta convocatoria presentáronse preto de 20 ideas emprendedoras que apostan por innovar no sector cultural, divididas en dúas modalidades: proxectos en internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural, e proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artísticas e plástica.

Cada un dos galardoados recibirá un premio en metálico de 3.000 euros e a posibilidade de incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

No coworking do Gaiás, os emprendedores e emprendedoras disporán dun espazo dotado de todos os servizos necesarios para lanzar os seus proxectos, nun entorno de traballo creativo compartido coas máis de 350 persoas que na actualidade están a impulsar as súas iniciativas desde o Centro de Emprendemento. Ademais de sacar partido a este ambiente de cooperación, os gañadores beneficiaranse dun programa de titoría personalizado que lles servirá de orientación para transformar as súas ideas en empresas sostibles no tempo.

Pequenas revolucións para a creatividadeSaber enfrontarse ás dificultades, adaptarse e ser quen de colaborar son precisamente habilidades imprescindibles para toda persoa que decida emprender un proxecto a nivel profesional, e tamén, cada vez máis, vital. Para afondar nestas cuestións, a Fundación Cidade da Cultura convidou a participar na cerimonia dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco á escritora e filósofa Elsa Punset, que traballa desde hai anos no campo da intelixencia emocional.

Baixo o título, Pequenas revolucións para a creatividade, Elsa Punset axudará a desvelar, na súa conferencia, cales son claves dun cerebro adaptable e creativo, que pode, na súa opinión, adestrarse como un músculo para ser quen de convivir e colaborar cos demais, para comunicarnos eficazmente, para resolver conflitos, para tomar decisións estratéxicas ou para expresar a nosa capacidade creativa.

O relatorio terá lugar no marco da cerimonia de entrega dos galardóns, ás 19:30 horas no Salón de Convencións do Edificio CINC. A entrada é de balde previa inscrición no correo cem@cidadedacultura.org.

Elsa PunsetEscritora e divulgadora de traxectoria recoñecida internacionalmente, Elsa Punset é licenciada en Filosofía e Letras e en Xornalismo pola Universidad Autónoma de Madrid, así como Máster en Humanidades pola Universidade de Oxford e en Educación Secundaria pola Universidad Camilo José Cela de Madrid.

Colaboradora habitual en programas de televisión como “El Hormiguero” e “Redes”, escribiu tamén máis dunha decena de libros, entre os que sobresae de maneira especial Una mochila para el Universo, éxito de ventas editado xa en máis de 14 países. En marzo de 2016 publicou El libro de las pequeñas revoluciones que se atopa xa na súa sétima edición, con máis de 100.000 lectores. O seu último proxecto editorial é a serie de contos infantís ilustrados Los Atrevidos, cos que busca axudar a nenos e nenas a entender e xestionar de maneira axeitada emocións como o medo, a tristura, a ledicia ou a autoestima. Os contos inclúen ademais unha guía para pais, nais e educadores.

Impulsar o emprendementoOs Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de catorce proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales seguen a día de hoxe como empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.


- Te recomendamos -