Inicio Galicia Román Rodríguez presenta os eixes estratéxicos para construír un turismo e unha...

Román Rodríguez presenta os eixes estratéxicos para construír un turismo e unha cultura máis competitivos, sustentables, inclusivos e abertos ao mundo

0

O conselleiro identifica a cultura –xunto coa lingua– e o turismo como “a alma e o rostro do país, dous sectores estratéxicos que se complementan” e se artellan en torno a 10 camiños “para construír o noso proxecto para o ano 21 e os vindeiros”

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, expuxo no Parlamento de Galicia os principais eixes estratéxicos da súa Consellería para construír un turismo e unha cultura máis competitivos, sustentables, inclusivos e abertos ao mundo. Neste sentido, identificou a cultura –xunto coa lingua– coa “alma do país”, mentres que o turismo “é o rostro”. “Dous sectores estratéxicos –dixo– nos que hoxe é máis importante que nunca reforzar as sinerxías”, dándolle un novo impulso para afrontar un dos grandes desafíos vindeiros como é o Xacobeo 21.

Tendo en conta este escenario, Román Rodríguez tomou como referencia os dez Camiños de Santiago para debullar as accións que poñerá en marcha o seu departamento nos próximos anos. “Estamos ante dez camiños para desenvolver a nosa cultura e o noso turismo. Un decálogo para construír o noso proxecto para o ano 21 e os vindeiros”, remarcou. Neste contexto, explicou que estas liñas xerais de actuación serán a planificación, a competitividade, a sustentabilidade, o orgullo, a singularidade, a accesibilidade, o equilibrio, a profesionalización, a innovación e a internacionalización.

Dous sectores planificadosTanto no ámbito turístico como cultural xa existen estratexias e plans en funcionamento como a Estratexia do Turismo de Galicia 2020, e outros en pleno desenvolvemento como a Estratexia da Cultura galega. De feito, esta última elevarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación antes de finalizar este ano.

A estas follas de ruta súmanse outras como o Plan Director do Camiño de Santiago ou o próximo Plan Estratéxico do Xacobeo, que estará listo ao longo do 2019. O obxectivo, segundo trasladou o conselleiro, é contar “cunha planificación exhaustiva e necesaria para traballar eficazmente pola cultura e o turismo de mañá”.

Máis competitividade turística, musical e audiovisualNeste eixe estratéxico, Román Rodríguez anunciou a posta en marcha dun Plan de mellora de aloxamentos turísticos para modernizar os seus equipamentos, infraestruturas e servizos. Un programa que busca fidelizar aos visitantes, incrementar os períodos de estadía e o gasto por cliente, o que terá unha repercusión directa na creación de emprego.

Así mesmo, no caso das industrias culturais galegas, en 2019 potenciaranse sectores claves para a Comunidade como o do libro a través do Plan específico de dinamización da lectura; o da música mediante unha nova liña de axudas para apoiar o xurdimento de novos artistas, así como a través da marca Fest Galicia; e o sector audiovisual coa creación da Galicia Film Office (en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) que impulsará as rodaxes en Galicia. No caso do ámbito das artes escénicas, “propoñeremos un gran espectáculo de danza que xire por Galicia e polo exterior”, manifestou o titular de Cultura.

Sustentabilidade a longo prazoOutro dos retos para os vindeiros anos pasa, segundo o conselleiro, por “apostar por iniciativas que permanezan, que sexan sustentables e posibiliten, unha vez rematado o Xacobeo, que sigamos na senda do progreso e calidade”. Neste contexto enmárcase o impulso, en colaboración coa Consellería de Infraestruturas, dunha mesa bilateral Xunta-Estado para adaptar os principais sistemas ferroviarios e aeroportuarios galegos aos principais desafíos que presenta o Xacobeo 21.

Esta sustentabilidade tamén pasa polos novos creadores, artistas e emprendedores. Desde xeito, o vindeiro ano crearase, entre outras accións, un programa de axudas a novos creadores no ámbito da literatura, a tradución e a ilustración; e celebrarase o primeiro Mercado de Arte dedicado a dar visibilidade e impulsar a carreira dos novos artistas. Así mesmo, continuarase potenciando o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura para consolidalo como un referente neste campo.

Singularidade a través do patrimonio, a etnografía e a paisaxeO cuarto eixe no que afondará a Consellería é a singularidade e a autenticidade, baseada nos recursos culturais, patrimoniais, etnográficos e paisaxísticos. Nesta liña inclúese o Plan de rehabilitación de BICs dos Camiños de Santiago, presentado ao Ministerio de Cultura para o seu cofinanciamento.

Ademais, xorden dous proxectos novidosos como serán o programa de Rutas en Pequenos Cascos Históricos, que potenciará tanto desde o punto de vista cultural como turístico concellos como Mondoñedo, Viveiro ou Betanzos; e o plan Galicia Sabe, que impulsará a nosa tradición culinaria e os produtos autóctonos, mellorando así a competitividade e o emprego no sector primario. A estas novas accións súmanse outras xa postas en marcha como o Plan Termal ou a sinalización das Rutas do Viño.

Converter Galicia en referente en inclusión Outro dos obxectivos do departamento que dirixe Román Rodríguez é converter Galicia en referente en cultura inclusiva e en turismo accesible. Neste ámbito, o conselleiro anunciou unha nova iniciativa que permitirá achegar estes dous sectores a persoas con discapacidade e de idade avanzada. Para iso, colaborarase coas principais entidades que traballan nesta área, como ONCE ou COGAMI, entre outros.

Lingua e salvagarda do propioA sexta liña estratéxica é o orgullo do propio, unha liña na que se inclúe o fomento do galego, especialmente nos mozos e mozas a través do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. Xunto á lingua, outro recurso cultural e turístico de primeira orde é o patrimonio. Ademais do Plan de rehabilitación de Bens de Interese Cultural do Camiño, continuarase a tramitación dos expedientes BICs xa incoados, seguirase traballando nas tres candidaturas a Patrimonio Mundial e crearase unha nova orde de axudas para a rehabilitación de bens etnográficos situados en calquera das dez rutas xacobeas.

Ademais da promoción da cultura de base, o vindeiro ano comezarase a crear o Legado Artístico de Galicia, que perseguirá a máxima protección, conservación e dispoñibilidade da obra dos artistas galegos, históricos e contemporáneos.

Labor de equilibro e proximidadeDurante a súa comparecencia, o conselleiro definiu a cultura e o turismo como “potentes axentes descentralizadores”, que fomentan o desenvolvemento equilibrado do territorio. Co fin de achegalos a todos os lugares de Galicia, sobre todo ao rural, implantarase o Plan de Turismo Rural e, entre outras accións, crearase por primeira vez o Premio ‘Vila Cultural’, a través do que se recoñecerá cada ano unha vila de Galicia pola súa excelencia no coidado do patrimonio e na xestión cultural.

Neste ámbito tamén se enmarca o novo Plan de Itinerarios Culturais como complemento aos Camiños, así como o programa de Bibliotecas itinerantes que achegará a lectura aos pequenos concellos que carecen deste servizo.

Formación para acadar a profesionalización Tal e como destacou Román Rodríguez, a formación xoga un papel clave para lograr a profesionalización tanto no turismo como na cultura. O Centro Superior de Hostelería de Galicia é xa un referente no primeiro eido, mentres que para o segundo promoverase a colaboración coas tres universidade galegas para elaborar un plan de formación nos ámbitos culturais. Unha iniciativa destinada a profesionais da industria, xestores e emprendedores.

Innovación e investigaciónNeste noveno eixe, unha das propostas da Consellería é a Memoria Dixital de Galicia, coa que se busca crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego. De feito, proximamente resolverase a primeira convocatoria para a dixitalización de arquivos. Destacan tamén os programas Smart Turismo e Smart Camiño; así como o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, o CEIPAC, que se localizará no Edificio Fontán e suporá un novo impulso ás investigacións vencelladas ao territorio e ao Camiño de Santiago.

Fomentar a internacionalización e a diplomacia cultural“A cultura é a nosa mellor carta de presentación ante o mundo. Por iso é fundamental potenciar a súa presenza internacional”, valorou o conselleiro. Unha das fórmulas que se impulsarán é a diplomacia cultural, explorando tres grandes áreas de expansión: o Atlantismo –coa participación, en 2019, en eventos como o Showcase Scotland, e no Festival Intercéltico de Lorient–; a Lusofonía e o Camiño de Santiago, “fonte permanente de embaixadores en todo o mundo”, salientou.

A terceira edición do Conecta Fiction e exposicións con referencias culturais que están no exterior, como o Pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre axudan a proxectar a imaxe de Galicia no mundo enteiro.

Un Xacobeo para toda Galicia Por último, Román Rodríguez presentou o Xacobeo como unha ferramenta de transformación social, unha oportunidade para afrontar todos os desafíos anteriormente expostos. Unha cita, na que para o 2019 xa se presupostan 30 millóns de euros, que busca implicar a toda Galicia. Os principais piares deste evento, segundo detallou o conselleiro, serán a planificación, a participación de toda a sociedade, o seu carácter global, a proxección internacional e a sustentabilidade. “Porque o Xacobeo non remata no 21; é un punto de partida”, finalizou.  


- Te recomendamos -