Inicio Galicia Díaz Mouteira supervisa os traballos de xardinería realizados polo alumnado do obradoiro...

Díaz Mouteira supervisa os traballos de xardinería realizados polo alumnado do obradoiro xuvenil Manco Xove II

0

Esta iniciativa de emprego está promovida pola Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense e conta cunha achega da Consellería Economía, Emprego e Industria de máis de 154.000 euros


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou o traballo de xardinería desenvolvido polo alumnado do obradoiro de emprego xuvenil ‘Manco Xove II’, promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense. A iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e para o seu desenvolvemento a Xunta inviste máis de 155.000 euros.

Este programa mixto de formación e emprego conta con 16 alumnos e alumnas e está centrado na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Estes días, o alumnado está a traballar no acondicionamento da contorna da Casa do Concello de San Cibrao das Viñas. As restantes actuacións proxectadas executaranse no concello de Baños de Molgas, onde o alumnado creará unha zona axardinada en Santa Eufemia e Froufe, amais de acondicionar unha zona de sombra no xardín do Muíño; no municipio de Esgos está previsto restaurar a pasarela sobre o río Grañal, acondicionar a ruta dos Muíños e implantar un xardín na Horta da Aira de Meiroá; en Paderne de Allariz traballarase no entorno da praza de Solbeira; en Parada do Sil realizaranse labores de mantemento nas áreas recreativas O Curtiñeiro, O Cruce, A Lama e do campo de fútbol; no concello de Maceda, os alumnos deste taller traballarán no mantemento de varias zonas axardinadas; as actuacións que se van levar a cabo en Xunqueira de Ambía emprázanse na contorna do centro social de Vilanova ; e, por último, en Xunqueira de Espadanedo rehabilitarase a zona axardinada e o parque infantil do lugar de Niñodaguia de Abaixo, amais doutras zonas de fornos de alfareiros en Niñodaguia de Arriba.

Na visita, Díaz Mouteira puxo en valor estes obradoiros que, segundo apuntou, buscan mellorar a empregrabilidade da mocidade e animou aos seus participantes a aproveitar a formación teórico-práctica ofrecida porque “é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais”. Xunto a este taller promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense, na provincia ourensá a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa outros dous obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos nos que participan 31 alumnos. O departamento autonómico destina máis de 450.000 euros a estas 3 iniciativas que combinan a formación co desenvolvemento dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante 6 meses.

Ademais, a Xunta estes días está a poñer en marcha na provincia ourensá 18 obradoiros duais de emprego que beneficiarán a 355 persoas desempregadas de 77 concellos. Os participantes destes programas terán unha formación e aprendizaxe durante nove meses, que se poderá complementar, de ser o caso, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.


- Te recomendamos -