O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona para comprobar o resultado dos traballos de reforzo do firme nun treito de 6 quilómetros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da estrada LU-613 nun treito de 5,940 quilómetros entre Portomarín e Cendoi (no concello do Páramo).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata O Páramo acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para comprobar o resultado dos traballos, que foron executados dacordo co calendario marcado inicialmente.
Balseiro sinalou que a Administración galega destinou ás obras de mellora desta estrada máis de medio millón de euros, dos que preto de 400.000 corresponden á actuación ordinaria de reforzo localizado do firme naqueles puntos nos que este estaba deteriorado ao longo de case seis quilómetros entre O Páramo e Portomarín.
Paralelamente, nesta vía autonómica foi acometida unha obra de emerxencia cun orzamento de 172.000 euros, como consecuencia do derrubamento dun muro o pasado mes de xullo en Pedrouzos. Neste punto, o departamento de Infraestruturas construíu un novo muro de escollera de 40 metros de lonxitude.
Os traballos de conservación da estrada consistiron en reparar o pavimento deformado, tanto lonxitudinal como transversalmente, regularizando o firme a base de mistura bituminosa en quente e aplicando posteriormente unha capa de rodadura de aglomerado de cinco centímetros de espesor en toda a calzada.
Así mesmo, procedeuse á limpeza e reperfilado das cunetas, que nalgúns puntos foron reconstruídas con formigón para evitar posibles danos por auga embalsada. Por último, foi instalada a correspondente sinalización horizontal e vertical.
Balseiro sinalou que con estas actuacións da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) “lógrase incrementar a comodidade na circulación e a seguridade para os usuarios das estradas autonómicas”.
- Te recomendamos -