Inicio Galicia A Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello de Ourense concretan...

A Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello de Ourense concretan a coordinación dos traballos nos distintos elementos da primeira fase da estación intermodal

0

A Consellería de Infraestruturas está executando actualmente as obras da nova terminal de autobuses, que deben sincronizarse coas de liberación de vías e do aparcadoiro


A Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello de Ourense concretaron hoxe a coordinación dos traballos entre os distintos elementos que forman a primeira fase da estación intermodal que se está a executar na cidade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vazquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na que abordaron os avances nesta infraestrutura.

Actualmente a Xunta de Galicia está a executar a estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril, uns traballos que necesitan sincronizarse coas obras de liberación de vías que executa Adif, así como co aparcadoiro subterráneo, cuxa licitación vén de ser aprobada polo administrador ferroviario.

A Xunta de Galicia manifestou hoxe a súa valoración positiva por este paso adiante e solicitou que se axilice a contratación e execución do aparcadoiro na medida do posible para facilitar así o desenvolvemento das obras da estación de autobuses.

A primeira fase da estación intermodal da Ourense está formada pola estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo, mentres que a liberación de vías está a ser desenvolvida como parte dos traballos preparatorios para a chegada dos trens AVE á terminal.

Na xuntanza de hoxe as tres administracións abordaron tamén o anteproxecto sobre a reforma da estación de ferrocarril que Adif mantén actualmente en proceso de información pública. A ese respecto, tanto o Goberno galego como o Concello de Ourense solicitaron a Adif un compromiso de execución do proxecto integral que foi acordado e que non está reflectido na súa totalidade no deseño que se atopa en fase de información pública.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir máis de 9 millóns de euros na estación intermodal de Ourense, que comezou o pasado mes de setembro coas demolicións dos edificios situados na parcela. Esta nova terminal de autobuses integrada no complexo intermodal deseñado por Norman Foster, contará con 13 dársenas de operación e 3 de regulación e cun edificio de máis de 700 m² construídos para albergar os diferentes servizos.

Impulso ao Ecobarrio Na xuntanza de hoxe participou tamén a xerente do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Zeltia Lado, quen explicou que a estación intermodal de Ourense está integrada dentro do proxecto do Ecobarrio que a Xunta de Galicia desenvolve na cidade de Ourense.

O proxecto do EcoBarrio contempla a posta a punto de fachadas en envolventes térmicas en edificios particulares e públicos, tales como centros de ensino ou a futura estación intermodal que verá chegar o AVE, unha nova infraestrutura que, ademais, poderá engancharse á rede de distribución de calor de orixe xeotérmico; a substitución do alumeado actual por tecnoloxía LED tanto nos edificios como nas rúas do barrio da Ponte con actuacións específicas de alumeado arquitectónico na zona da Chavasqueira; o fomento da mobilidade sustentable centralizada no parque móbil do Concello; e a posta en marcha da Oficina do EcoBarrio para facilitar información e asesoramento aos veciños sobre as axudas ás que poden acceder en materia de eficiencia enerxética.

Co EcoBarrio da Ponte quérese demostrar que existe outra forma de facer urbanismo e outra forma de facer cidade: máis respectuosa co medio ambiente e con maior calidade de vida para os veciños e veciñas. 


- Te recomendamos -