Inicio Galicia O obradoiro de emprego de Melide e Boimorto achega formación a 20...

O obradoiro de emprego de Melide e Boimorto achega formación a 20 desempregados ao tempo que realizan melloras no Camiño de Santiago

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que, como novidade dos obradoiros duais, 10 dos participantes contarán cun contrato en prácticas de polo menos tres meses nunha empresa da zona

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Melide o obradoiro dual de emprego que co apoio da Xunta este concello desenvolve xunto con Boimorto, e no que 20 persoas desempregadas de ambos municipios contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses ao tempo que realizan melloras no entorno do Camiño de Santiago.

Tal e como explicou Conde, a principal novidade da modalidade dual dos obradoiros permite que 10 dos participantes desta iniciativa, centrada na xardinería, conten, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. Búscase así combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral.

Conde, que salientou que o Camiño de Santiago é unha actividade fundamental para a economía das comarcas de Melide e Arzúa e que se primaba coa convocatoria deste ano dos obradoiros de emprego, incidiu en que a Xunta é consciente da necesidade de apostar pola conservación e posta en valor de espazos naturais das rutas de peregrinación que atravesan ambos concellos. Así, en Melide adecúase o espazo fronte aos centros socioculturais de Furelos e San Martiño, e en Boimorto actúase na zona axardinada no entorno do punto de atención á infancia; a residencia de persoas maiores e o centro de día; centro médico e centro social municipal de maiores.

Nesta edición, celébranse en toda Galicia máis de 100 obradoiros, cun orzamento que supera os 26 millóns de euros, e coa participación de máis de 2000 alumnos, sumando tanto os obradoiros duais como os específicos para persoas mozas.

Durante a visita, o conselleiro fixo fincapé en que para impulsar a formación e o acceso ao mercado laboral é fundamental a colaboración cos concellos, e en especial cos 106 concellos emprendedores cos que conta hoxe Galicia, entre os que se atopa Melide. Do mesmo xeito, sinalou que a formación ten que xogar un papel central, e así, nos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o vindeiro ano dedícanselle 145 millóns de euros, dándolle prioridade aos programas formativos que se adapten aos novos perfís profesionais que demandan as empresas.


- Te recomendamos -