Os centros, que xa foron informados a través dunha circular, teñen de prazo ata o próximo venres 9 de novembro para presentar os seus traballos
O concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais convocado pola Xunta con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do “Día Internacional contra a violencia de xénero” entra na súa última semana de prazo, que rematará o próximo venres 9 de novembro.
A iniciativa está dirixida a calquera centro educativo de ensino non universitario de Galicia, que xa foron informados a través dunha circular. O obxectivo é promover a reflexión sobre a loita contra a violencia de xénero, e sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade entre mulleres e homes.
O contido das pezas deberá incluír unha mensaxe clara e rotunda que promova a erradicación desta violencia. Poderán presentarse pezas gráficas (cartel, cómic, ilustración ou debuxo) ou audiovisuais (curtas, videoclips, performances, flasmobs…).
O concurso dividirase en dúas categorías: a primeira, para o alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO); e a 2ª, para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato.
As pezas que resulten gañadoras en cada categoría poderán ser empregadas pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero do próximo 25 de novembro, ou noutras accións de sensibilización contra esta lacra.
- Te recomendamos -