Inicio Galicia A Xunta fomenta o talento e a creatividade musical da mocidade galega...

A Xunta fomenta o talento e a creatividade musical da mocidade galega a través do certame Xuventude Crea

0

As actuacións musicais correron a cargo dos solistas e grupos David Dealonso (Gondomar), Closer (Negreira), Leda atómica (Cambados), Oîma (Cabana de Bergantiños), Denis (Vigo) e La Grotta (Noia)

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe á final da especialidade de música do programa Xuventude Crea organizado pola Consellería de Política Social. Nesta gala, que se celebrou nun establecemento de hostalería de Betanzos, os seis grupos e solistas que chegaron ao desenlace deste certame foron: David Dealonso (Gondomar), Closer (Negreira), Leda atómica (Cambados), Oîma (Cabana de Bergantiños), Denis (Vigo) e La Grotta (Noia).

Esta modalidade de música estivo aberta á participación de solistas e grupos de pop, folk, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Para a gala celebrada esta tarde, os finalistas recibiron unha achega de 600 euros e no caso dos solistas de 300 euros. Os participantes, todos eles galegos ou residentes en Galicia e con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, competiron con proxectos orixinais ideados e interpretados por eles mesmos.

Leer más:  Un conductor sufre una indisposición y choca su caravana contra unos coches estacionados en Viveiro (A Coruña)

Ao respecto de ‘Xuventude Crea’, Cecilia Vázquez destacou que “é unha aposta pola innovación e a creación artística dos novos talentos galegos”, que ten como principal obxectivo “difundir os traballos dos mozos e mozas e que ademais sirva para mellorar as súas opcións de crecemento profesional”. Nesta liña, engadiu que “as ideas e proxectos innovadores da mocidade impulsan a competitividade, polo que cómpre incidir no fomento do espírito creativo para aproveitar o enorme talento que atesoura a nosa xuventude”.

O ‘Xuventude Crea’ conta con 13 disciplinas, que son: teatro, música, artes plásticas, cociña, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación, skate e graffiti. O primeiro clasificado de cada unha destas especialidades recibe 3000 euros, 1500 euros o segundo e 1000 euros o terceiro. Tamén poden darse mencións de honra, sen dotación económica. Na edición de 2018 do programa presentáronse un total de 257 proxectos individuais e en grupo, e participaron 357 mozos e mozas.

Outras especialidadesNo que atinxe ao resto de especialidades do certame, na de deseño de xoias xa se coñecen os nomes dos creadores gañadores. Así, Dana Rodríguez Justo (Soutomaior) recibiu o primeiro premio pola colección ‘Atómico’; Lara Bande Huri (Cambados) o segundo premio por ‘Cestería’; María Espasandín Miranda (Santiago de Compostela) o terceiro polo proxecto ‘Estruturas de vida’; e Alexandro Castañón Vilariño (Santiago de Compostela) recibiu unha mención de honra pola colección ‘Ferida’.

Leer más:  El BNG reclama al Gobierno central que renueve y amplíe el parque móvil ferroviario de Galicia

A directora xeral lembrou que ao longo deste mes de novembro descorrerán as fases finais doutras especialidades do programa. Así o vindeiro sábado 10 de novembro o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo) acollerá a fase final das modalidades de graffiti e skate. A Casa da Cultura de Outes será o escenario de representación das seis obras finalistas no apartado de teatro os días 14, 15 e 16 de novembro. O 19 de novembro os mozos e mozas finalistas da especialidade de cociña elaborarán en directo as receitas presentadas ao programa no Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

Así mesmo, a Igrexa da Universidade de Santiago acollerá na segunda quincena deste mes de novembro a exposición dos proxectos finalistas das especialidades de fotografía e artes plásticas; e, por último, a Cidade da Cultura albergará na primeira quincena de decembro a exposición das coleccións finalistas da especialidade de moda. 


- Te recomendamos -