Inicio Galicia A Xunta reunirá en Ferrol a axentes do deseño de toda España...

A Xunta reunirá en Ferrol a axentes do deseño de toda España para compartir coñecemento sobre a súa aplicación á innovación empresarial

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza un novo encontro do Programa de Deseño para a Innovación o 13 de novembro no CIS Galicia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrará o vindeiro 13 de novembro no CIS Galicia (Ferrol) un encontro destinado a compartir coñecemento e fomentar o contacto entre axentes do deseño de toda España, co obxectivo de avanzar na configuración do ecosistema do deseño galego e facilitar así o seu impacto sobre a competitividade do tecido empresarial innovador.

O encontro “Ecosistema do deseño para a innovación empresarial” é o segundo evento destas características que se celebra en Ferrol no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020. Ao remate deste ano, ao amparo desta nova iniciativa da Xunta o CIS Galicia terá acollido un total de tres grandes encontros do sector e dúas xornadas prácticas de traballo, consolidando así o centro como referente tecnolóxico do deseño na comunidade.

O evento de mediados de novembro busca fomentar o intercambio de coñecemento, a difusión de boas prácticas e o establecemento de contacto entre os e as profesionais do deseño a nivel estatal e as asociacións que os representan, as institucións académicas vinculadas ao sector e a industria galega.

A conferencia inaugural estará a cargo do responsable de deseño do Zentre Donostia Design Institute, Alberto Barreiro, que abordará a importancia do deseño como competencia clave para as empresas e entidades que apostan pola innovación. Os participantes terán ocasión tamén de coñecer o impacto positivo da actividade asociativa sobre o desenvolvemento do sector tanto en Galicia –da man da Asociación Galega de Deseño e do Clúster de Comunicación Gráfica– como noutras comunidades autónomas: Madrid, Barcelona, Comunidade Valenciana, Euskadi e Andalucía.

Ademais, as principais escolas superiores de deseño galegas compartirán as súas experiencias de transferencia de coñecemento e talento á industria. A representación portuguesa estará a cargo do estudio Whitestudio, que exporá a experiencia da cidade de Porto coa aplicación de políticas públicas de identidad visual. Pódese consultar o programa e realizar a inscrición na web de Gain.  


- Te recomendamos -