A pista de pádel é unha das instalacións máis demandadas polo que grazas a esta obra dótase aos veciños dun espazo para a práctica deste deporte ofrecendo un axeitado servizo
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá de hoxe o concello ourensán do Barco de Valdeorras onde visitou a pista de pádel de Calabagueiros realizada a tenor do convenio asinado o pasado mes de setembro de 2017 coa Deputación de Ourense para a realización de obras nas distintas instalacións deportivas da provincia. Segundo este convenio que conta cun orzamento de 1.027.658,57 euros, a Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona 500.000 euros (400.000 na anualidade de 2017 e 100.000 na de 2018) e a Deputación Provincial de Ourense achega 527.658,57 euros na anualidade de 2018.
A pista de pádel levada a cabo no Barco de Valdeorras é unha das instalacións máis demandadas polo que grazas a esta obra dótase aos veciños dun espazo para a práctica deste deporte ofrecendo un axeitado servizo. As obras consistiron na construción desta pista de pádel descuberta na rúa Calabagueiros, onde se atopan a maior parte das instalacións deportivas do núcleo, como o campo de fútbol, coa súa pista de atletismo, o hangar de piraguas coa súa piscina de adestramento, pistas de tenis ou pavillón polideportivo. Esta actuación contou cun orzamento total de 40.000 euros.
Do mesmo xeito, a secretaria xeral visitou as obras que se están a realizar na pista polideportiva da parroquia de Vilanova que tamén se acollen ao convenio coa Deputación e que contan cun orzamento de 137.000 euros.
Cómpre sinalar que, segundo os Orzamentos da Comunidade Autónoma, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará neste 2018 unha contía de 3.485.313 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia.
De cara ao novo exercicio orzamentario de 2019, a secretaria xeral avanzou que a Secretaría Xeral para o Deporte volverá a priorizar a construción e mellora das instalacións deportivas de Galicia, tanto propias como as de titularidade municipal, para continuar optimizando a rede de infraestruturas deportivas de Galicia.
- Te recomendamos -