Asevera que para a selección dos proxectos primouse o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa so Consello que a cuarta edición do Conecta peme mobilizará máis de 47 millóns de euros en 54 proxectos de innovación empresarial.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para a selección dos proxectos primouse o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.
Así mesmo, nesta convocatoria destinarase un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27 millóns de euros en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación, co obxectivo de xerar 72 empregos cualificados.
Cómpre salientar que dos 54 proxectos: 38 están vinculados ao desenvolvemento experimental; 9 a potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos e 7 terán como obxectivo a investigación industrial. E, por sectores, preto do 30% centraranse na área da nanotecnoloxía e materiais e tecnoloxías da produción; cerca do 28% no eido da enerxía e do medio ambiente e o 15% en torno á saúde e o benestar.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta precisou varias novidades, ademais do incremento do orzamento como: a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e o potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.
Conecta Peme pretende estimular a innovación das pemes galegas:Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns de euros, Feijóo aseverou que esta iniciativa pretende estimular a innovación das pemes galegas e fomentar a cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación, nos que están a participar 433 empresas (95% pemes) e 81 centros tecnolóxicos e de investigación, e coa creación de 530 empregos.
Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento, coa participación de 565 empresas galegas.
- Te recomendamos -