Os cámpings e as casas de turismo rural melloraron no noveno mes de ano, cando a Comunidade sumou un total de 560.000 viaxeiros e 1,1 millóns de pernoitas
Os establecementos extrahoteleiros da Comunidade recibiron o pasado mes de setembro un 11,5% máis de turistas, afondando no crecemento fóra dos meses centrais da tempada estival, un obxectivo incluído na Estratexia do Turismo de Galicia 2020 coa que a Xunta e o sector traballan nun destino de calidade.
O crecemento neste eido prodúcese grazas á mellora dos establecementos de turismo rural e dos cámpings, con subas do 4,5% e do 33,7%, respectivamente. Ademais, estes visitantes permaneceron máis tempo aloxados en Galicia, pois as noites medraron por riba do 9%.
En total, no mes de setembro pasaron polos establecementos de aloxamento regrado de Galicia 560.000 viaxeiros, que realizaron máis de 1,1 millóns de pernoitas. A maior parte deles decantáronse polos hoteis, que consolidan o sobresaínte crecemento do último lustro. Ademais, a estadía media segue á alza por terceiro ano consecutivo, neste caso do 3,5%, o que leva a Galicia á cifra máis elevada dos últimos seis anos nesta variable cualitativa.
Respecto ao perfil do turista que chega á Comunidade, cómpre sinalar que o internacional representa o 28,5% da demanda turística, mentres que o nacional supón o 71,5% restante. Así, esta segunda tipoloxía consegue acadar a cifra máis elevada da década neste período.
Aposta polo turismo de outonoA Consellería de Cultura e Turismo, na súa aposta por desestacionalizar a actividade turística e fomentar a competitividade, promove durante os meses de outono produtos específicos que enriquecen a súa oferta. Son os casos da 12ª edición do Outono gastronómico en turismo rural, coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes nas catro provincias; De tapas por Galicia, que combina o turismo urbano e o enogastronómico; os Trens Turísticos de Galicia, con novas rutas para esta época; ou o Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia – Outono 2018, desenvolvido en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.
Estes produtos veñen a reforzar a oferta especializada de Galicia, impulsada polo Goberno autonómico nos últimos anos a través de distintos plans. Segmentos como o termalismo ou o enoturismo, que aproveitan recursos endóxenos de alto valor engadido, permiten aumentar a capacidade de gasto, dinamizan territorios do interior e captan turistas fóra de tempada alta.
- Te recomendamos -