Inicio Galicia A Xunta de Galicia licita as obras para a ampliación da Escola...

A Xunta de Galicia licita as obras para a ampliación da Escola infantil da Rede a Galiña Azul no concello de Arzúa

0

As empresas poderán presentar ofertas ata o 26 de novembro e o prazo de execución será de catro meses

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia e no perfil do contratante do Consorcio a licitación das obras para a ampliación en dúas unidades da escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul no concello coruñés de Arzúa.

As empresas interesadas en acometer este proxecto poderán presentar ofertas ata o 26 de novembro e o prazo de execución despois será de catro meses. Cando estea rematado, o centro arzuán incrementará en 35 o número de prazas ofertadas para nenos de 0 a 3 anos, pasando de 41 a 76, co que a taxa pública de cobertura para nenos desas idades nese concello superará a recomendación da Unión Europea (33%) e, sobre todo, lograrase paliar a lista de agarda que se rexistrou nesa escola nos últimos cursos.

O investimento total previsto para a realización destas obras, en virtude do convenio de colaboración asinado entre a Consellería e o Concello no pasado mes de agosto, é de 150.186,46 euros. Deles, o Consorcio -que xestiona o centro- desembolsará 100.000 euros (cunha achega do 80% de Fondos Feder da Unión Europea) mentres que, o montante restante, 50.186,46 euros, corresponderalle ao Concello de Arzúa.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio, aproveitará ademais esta actuación para realizar algunhas reformas na escola infantil arzuá, que se traducirán nunha notable mellora na prestación do servizo. O obxectivo é facilitar a conciliación laboral e familiar dos pais e nais deste concello e dos da súa área de influencia, en especial, naqueles que non contan na actualidade con ningún recurso para nenos de entre 0 e 3 anos de idade.


- Te recomendamos -