Inicio Galicia A Xunta asesora en Vigo a persoal de ONG e dos concellos...

A Xunta asesora en Vigo a persoal de ONG e dos concellos para facilitar a tramitación das axudas autonómicas do bono social eléctrico

0

A xerente do Instituto Enerxético de Galicia, Zeltia Lado, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López- Chaves, participaron hoxe nunha xornada para informar aos técnicos que traballan de xeito directo cos consumidores máis vulnerables


A xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Zeltia Lado, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, participaron hoxe en Vigo nunha das xornadas incluídas na campaña informativa impulsada pola Xunta para facilitar aos consumidores máis vulnerables a tramitación do bono social eléctrico e da axuda complementaria impulsada pola Administración autonómica, que permite asumir o pagamento do 100% da factura, e que garante así mesmo que non van sufrir ningún corte no servizo.

Esta iniciativa inclúe, dunha banda, encontros nas sete principais cidades galegas para formar e asesorar aos técnicos dos servizos sociais municipais e das asociacións de consumidores, ademais de ao persoal de Cáritas e Cruz Vermella, que colaboran coa Xunta neste eido. Ademais, estanse a distribuír nas oficinas dos servizos centrais e das delegacións da Xunta, nos concellos e nas dependencias de Cáritas e Cruz Vermella e nas distintas asociacións de consumidores e usuarios unha primeira tirada de 50.000 folletos para achegar á cidadanía as claves destes apoios, unha información tamén dispoñible na web do Inega e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). Este último conta co teléfono gratuíto 900 231 123 para atender as consultas dos consumidores.

O bono social do Estado supón unha bonificación de entre o 25% e o 40% no recibo de luz. Galicia foi a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias, e así, a Xunta cobre o 50% do pagamento da factura eléctrica dos consumidores vulnerables severos e garante ao mesmo tempo que non van sufrir ningún corte no servizo. Este complemento permite que os beneficiarios poidan asumir o pagamento do 100% da factura, xa que outro 10% asúmeo o propio sistema eléctrico.

O apoio autonómico, cuxo prazo de presentación permanece aberto durante todo o ano e do cal xa se benefician 500 familias, regúlase a través dunha orde de axudas cunha contía máxima de 250 euros ao ano, ou de 400 euros no caso das familias numerosas, e compleméntase co protocolo de colaboración asinado coas principais comercializadoras para evitar o corte de subministración entre los consumidores más sensibles. 


- Te recomendamos -