O director xeral de Emerxencia e Interior, Luis Menor, participou hoxe na reunión do Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra
A Xunta e a Deputación de Pontevedra ratificaron hoxe o acordo que permitirá a homologación salarial dos bombeiros de Pontevedra, unha medida proposta pola Xunta e que xa se ten consensuado tamén nos consorcios de Lugo e Ourense.
Así se determinou hoxe na reunión do Pleno do Consorcio Provincial, no que participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, quen precisou que a achega da Xunta para financiar esta homologación se realizará con cargo a fondos propios, en tanto estaba prevista nos orzamentos autonómicos.
Durante a reunión, tamén se procedeu á aprobación dos orzamentos do Consorcio para 2019, que seguen a liña xeral dos últimos anos e contemplan o incremento necesario para recoller os aumentos derivados da homologación ratificada hoxe.
Con todo, ao remate do encontro, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, lamentou que a deputación de Pontevedra sexa a única na que non se producen avances en temas tan relevantes para o novo mapa de emerxencias, como a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades ou na cobertura das coñecidas como zonas de sombra. Ao respecto, lembrou que a Xunta ten acadado acordos neste sentido co resto das deputacións provinciais, nos mesmos termos que se están a propoñer en Pontevedra.
Recordou, tamén, que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2019 inclúe as partidas necesarias por parte da Xunta para poder pechar o novo mapa de emerxencias, polo que pediu o mesmo esforzo ao resto das administracións implicadas, como a Deputación de Pontevedra, co fin de prestar un mellor servizo á cidadanía.
- Te recomendamos -