Vázquez Mourelle di que os traballos entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas están a executarse con axilidade e con mínimas afeccións ao trafico
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o actual ritmo de avance nas obras do 3º treito do desdobramento do corredor permitirá adiantar a antes do verán o remate da autovía do Morrazo. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, supervisou hoxe os avances dos traballos no último tramo da autovía do Morrazo, nos 3,8 KM que restan entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas, e que supón un investimento autonómico de máis de 18 millóns de euros.
Destacou que tras a posta en servizo o pasado mes de maio dos 7 primeiros quilómetros de autovía, entre o enlace de Rande e o de Meira, os traballos que culminarán a conversión en autovía do corredor do Morrazo estanse a executar coa máxima axilidade, e minimizando as afeccións ao tráfico e as molestias a veciños e usuarios. Consciente de que todas as obras, e máis cando se trata de actuacións desta envergadura, causan certas incomodidades, a conselleira aproveitou tamén para agradecer a veciños e usuarios a súa paciencia e comprensión. Grado de execución de máis do 60% Segundo dixo a titular do departamento de Infraestruturas da Xunta, nestes momentos están rematadas as voaduras nos desmontes e feito o 90% do movemento de terras, así como xa está realizada a ampliación das estruturas en 2 pasos inferiores.
E falou que tamén están executados a totalidade dos piares do Viaduto da Fraga, a estrutura máis singular deste treito, con máis de 300 m de lonxitude. Abundou en que ademais estase a traballar na ampliación do paso da estrada autonómica que comunica Moaña e Marín, a PO-313, e avanzando agora no taboleiro, concretamente xa no 3º vano do viaduto. Salientou que este moi bo ritmo das obras está vencellado ás solucións aportadas polo conxunto da dirección de obra e empresas consultoras e construtoras, que foron quen de habilitar a alternativa dun desvío provisional na zona para a execución con seguridade do desmonte na marxe dereita, permitindo minimizar os cortes de tráfico sen ter que retrasar os traballos. E noutros desmontes, dixo, fixéronse voaduras que, salvo contadas excepcións, non implicaron cortes maiores de 5 minutos.
Tal e como sinalou, o grado de execución actual dos traballos neste 3º treito da autovía do Morrazo é actualmente de máis do 60%, e este ritmo de avance na execución dos últimos 3,8 km -que foron iniciadas en agosto de 2017 cun prazo de execución inicial de 24 meses-, vai a permitir adiantar os prazos previstos.
Segundo estes avances, as previsións é que a totalidade da autovía do Morrazo estea culminada antes do vindeiro verán. Unha infraestrutura que, tal e como salientou a conselleira, é prioritaria para o incremento da seguridade viaria, supón a mellora incuestionable da mobilidade de toda a comarca e reforza a súa competitividade económica.
Vázquez Mourelle referiuse ao importante investimento de 55,5 M€ na autovía do Morrazo, reservando nos Orzamentos de 2019 a partida necesaria para poder culmina esta infraestrutura, de 5,3 M€.
Unha vía de alta capacidade, concluíu, libre de peaxe na que a Xunta vén traballando desde hai moito tempo, desenvolvendo unha estratexia para facela viable, executada por fases e pagándoa con cargo aos orzamentos e a medida que as dispoñibilidades orzamentarias o permitiron, e que moi pronto será realidade na súa totalidade.
- Te recomendamos -