Inicio Galicia Medio Ambiente rehabilita inmobles por máis de 5 millóns de euros para...

Medio Ambiente rehabilita inmobles por máis de 5 millóns de euros para poñer a disposición dos veciños de Betanzos preto de 30 vivendas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá as obras de rehabilitación que o IGVS está a levar a cabo e que estarán listas no primeiro semestre de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a rehabilitar diversos inmobles no Casco Histórico de Betanzos por un importe de máis de 5 millóns de euros, que permitirán poñer a disposición dos veciños deste concello case 30 vivendas e varios locais comerciais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, supervisou esta mañá as obras de rehabilitación que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a executar na actualidade no Casco Histórico e avanzou que no primeiro semestre de 2019 poderán estar listas as vivendas nas rúas A Cerca, Venela de Clérigos, Cortaduría, Lanzós e Rúa Nova. Tamén adiantou que nas vindeiras semanas se licitarán as obras dos tres inmobles situados na Travesía Cortaduría, por un importe de preto de 675.000 euros. O investimento global nesta liña de actuación no Casco Histórico de Betanzos elévase a máis de 3 millóns de euros e permite poñer a disposición dos veciños 15 vivendas e dous locais comerciais.

Outra das liñas de actuación para conservar o patrimonio arquitectónico deste municipio é o programa Rexurbe, que ten por obxectivo recuperar ámbitos coa consideración de conxuntos históricos con declaración de ben de interese cultural (BIC), que se atopen -por exemplo- en proceso de degradación arquitectónica, urbanística ou ambiental. Lembrou que en xaneiro se publicou unha oferta pública de adquisición de inmobles en Ferrol, Lugo, Ourense e Betanzos, concello no que se investirán 500.000 euros para a adquisición de 6 novos inmobles que serán rehabilitados por un importe de 1,6 millóns de euros e que permitirán poñer a disposición dos veciños 12 vivendas e locais comerciais. Na actualidade, o IGVS está en proceso de análise das ofertas e a previsión é resolver dita oferta ao longo deste mes.

Novo impulso ás ARIsO Concello de Betanzos é un dos 35 municipios que o pasado venres asinou os convenios de colaboración para executar nos investimentos nas Áreas de Rehabilitación Integral, recordou a conselleira. No caso concreto de Betanzos contará con 432.000 euros para recuperar a ARI do conxunto histórico e na súa área de protección; investimentos que se suman aos case 145.000 euros pendentes de convocatorias anteriores, é dicir, un investimento total de 600.000 euros.Ángeles Vázquez tamén destacou que dúas parroquias de Betanzos, Requián e Tiobre, están incluídas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago, polo que tamén se pode beneficiar das axudas que establece a orde para a rehabilitación de inmobles na que se ten reservado un importe de 2,8 millóns de euros. Indicou que ao longo das vindeiras semana o Instituto Galego de Vivenda e Solo analizará as solicitudes para a súa resolución.

A conselleira de Medio Ambiente reiterou que a rehabilitación e recuperación do “patrimonio construído” será unha prioridade na acción do Goberno, un esforzo que se traduce nos investimentos para cada liña de actuación; así como, na habilitación do primeiro marco normativo nesta materia en Galicia, como é a Lei de rehabilitación, que vén de ser remitida ao Consello Económico e Social e onde a previsión é remitila ao Parlamento antes de que remate o ano. Por último, destacou que esta futura lei pretende mellorar e axilizar os procedementos e trámites necesarios para que a rehabilitación de vivendas resulte cada vez máis atractiva para os cidadáns e as medidas adoptadas nesta materia sexan máis eficaces.


- Te recomendamos -