O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na xornada de APD ‘Modelo de éxito en Galicia’, onde destacou que a diferenciación é o que está a marcar o crecemento da economía galega
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na xornada de APD Modelo de éxito en Galicia, onde salientou que en Galicia vén marcado pola diferenciación e a aposta pola innovación dos principais sectores económicos como son a automoción, o téxtil, o naval, a eólica mariña, o agroalimentario, o aeroespacial e a biotecnoloxía.
Así, Conde indicou que seguindo esta aposta do tecido produtivo galego polo valor diferencial, que é o que está marcando o crecemento da economía galega, o Orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta en 2019 por medidas para seguir avanzando na dixitalización da empresa, por facer unha industria máis competitiva e verde e pola transferencia do coñecemento, todo elo unido a un emprego de calidade. Destacou que son presupostos que se elaboran “pensando na próxima década”.
Para acompañar ao tecido empresarial no salto dixital, o titular de Economía sinalou que a Xunta incrementará nun 40%, ata os 40 millóns de euros, o investimento para impulsar a dixitalización das empresas e destinará 145 millóns para facer especial fincapé na formación, flexible, dual e adaptada ás necesidades das empresas para acadar un emprego cualificado e de calidade.
Apuntou, ademais, que a Administración autonómica defende un ecosistema de innovación conectado coa industria para incidir na transferencia do coñecemento e que, por iso, a Axencia Galega de Innovación contará cun 21% máis de fondos, case 100 millóns de euros, para reforzar os programas de captación e retención de talento e para seguir impulsando fórmulas de innovación colaborativa. Indicou, ao respecto, que a intención é que o ecosistema de innovación se converta nun campo de emprendemento a través das aceleradoras e de proxectos pioneiros como o Polo aeroespacial de Galicia.
Para acadar unha economía verde continuarase co impulso das enerxías renovables e da eficiencia enerxética para o que se incrementan nun 26,6% as partidas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Así mesmo, poranse en marcha dúas instalacións de carga de GNL para consolidar o uso deste combustible no transporte terrestre, ao tempo que se impulsará a innovación da industria forestal para conseguir un aproveitamento máis produtivo. Do que se trata é que as contas da Consellería de Economía, Emprego e Industria se traduzan en máis emprego de calidade e nunha industria máis competitiva.
Implantación empresarialO titular de Economía referiuse tamén á Lei de implantación empresarial coa que se está conseguindo que Galicia sexa un foco de interese para novos investimentos. No que vai de ano, a Comunidade galega conta con 3105 novas empresas e firmas xa consolidadas como PSA, Benteler, Televés ou Albo están a redobrar a súa aposta por Galicia. Para continuar con esta liña, a partir de 2019 darase preferencia e as máximas facilidades na tramitación de aqueles proxectos que sexan considerados como novas Iniciativas Empresariais Prioritarias.
Conde, para rematar, sinalou que o Orzamento da Consellería para 2019 e o impulso da Lei de implantación empresarial apostan polo modelo de diferenciación estratéxica de Galicia que está a funcionar: máis de 2400 empresas galegas, un 8,3% máis que hai tres anos, exportan xa de xeito regular. “Galicia fixo da diferenciación a súa estratexia para que a industria se sitúe entre as máis competitivas”, concluíu.
- Te recomendamos -