Inicio Galicia Educación convocará en 2019 unha nova oferta de emprego docente para 35...

Educación convocará en 2019 unha nova oferta de emprego docente para 35 especialidades

0

A medida enmárcase no esforzo orzamentario do departamento educativo dirixido ao profesorado, que tamén se beneficiará dun aumento no salario e nas accións de formación


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocará en 2019 unha ampla oferta de emprego público para docentes, que inclúe 35 especialidades. Así o anunciou hoxe a conselleira de Educación, Carmen Pomar, na comparecencia parlamentaria para dar conta dos presupostos do seu departamento para o vindeiro ano. O total do orzamento que a Xunta destinará ao ensino ascende a 2.391.760.781 euros, o que significa investir na formación da sociedade do futuro un de cada catro euros do Goberno galego.

O presuposto, que sube un 3,3% con respecto a 2018, ten como eixe a comunidade educativa, cun especial esforzo orzamentario dirixido ao profesorado, como peza clave do sistema. No marco desta aposta pola calidade docente e do compromiso pola estabilidade laboral nos centros públicos, a oferta de emprego prevista para 2019 incluirá 19 especialidades para ensino secundario, 5 de profesores técnicos de FP, unha de escolas oficiais de idiomas, dúas do corpo de profesores de música e artes escénicas, e 8 de mestres. “É público e notorio que temos a taxa de interinidade máis baixa de España, pero, aínda así, seguiremos traballando para mellorar esta posición”, sinalou.

O corpo docente beneficiarase tamén en 2019 da suba no salario que recolle tanto o incremento xeral para os empregados públicos acordado polo Estado e a Xunta como a suba específica asinada pola Consellería e os sindicatos.

Ademais, cómpre salientar as accións de formación específicas para os profesionais do ensino, nas que se investirán 7,2 millóns de euros, a cifra máis alta de toda a serie histórica. Segundo puxo de manifesto a conselleira, isto é así porque “non se pode camiñar cara á excelencia, a innovación e a inclusión educativa sen acompañar o profesorado e investir no activo máis importante do sistema”.

Accións cara á excelenciaNese camiño cara á excelencia, coa formación do alumnado do século XXI como principal obxectivo, a Consellería de Educación continúa a apostar polo Edixgal e os programas de ordenación e innovación educativa, cuxos presupostos medran o 64% e o 150%, respectivamente.

A conselleira destacou tamén os programas de prevención do abandono temperá e do éxito escolar, xunto coa estratexia STEM, cun incremento superior ao 38% ata acadar os 4,8 millóns de euros. Precisamente Galicia vén de rexistrar neste terceiro trimestre a taxa máis baixa de abandono educativo temperá desde que se dispón de datos, un 13,5%, o que supón un descenso de máis de dous de puntos respecto do mesmo trimestre de 2017. O dato permitirá manter unha senda positiva, como a que fixo posible pechar 2017 cunha taxa anual do 14,9%.

O financiamento do programa de certificación de competencia lingüística, que sitúa o alumnado galego nas mellores posicións de acreditación con respecto ao resto de España, e as actuacións de inmersión lingüística tamén medran nos orzamentos de 2019. A dotación para estas accións achegarase o vindeiro ano ao millón e medio de euros, un 33% máis que no presente exercicio. Canto ás bibliotecas escolares, as distintas accións previstas neste eido suporán un investimento superior aos dous millóns de euros. O obxectivo é manter as mellores posicións da OCDE en comprensión lectora.

Apoio ás familiasConsciente de que o ensino ten que ser tamén sensible ás necesidades de conciliación das familias, como parte da comunidade educativa, a Consellería de Educación destinará en 2019 un total de 28,8 millóns de euros para comedores escolares, aos que hai que engadirlles os máis de 17,8 millóns para o pagamento dos salarios do persoal que os xestiona.

O transporte, outro dos servizos complementarios fundamentais para garantir o acceso igualitario ao sistema educativo, suporá o vindeiro ano un investimento de 104,6 millóns de euros. Moveranse así cada día un total de 90.000 alumnos, especialmente do rural, no que é a rede de transporte escolar pública máis grande de España.

Neste marco de acción de apoio ás familias figuran tamén as axudas para a adquisición de material escolar e de libros de texto, que ascenden a case 11 millóns de euros. A eles súmanselles máis de 3 millóns de euros para a compra e reposición de libros do Fondo Solidario.

Formación Profesional e UniversidadeA Formación Profesional continúa a ser unha das grandes apostas da Consellería de Educación, cunha dotación de 970.000 euros aos proxectos de I+D e ao fomento e difusión destas ensinanzas, e de 220.000 ao Plan de emprendemento. Destaca especialmente o incremento orzamentario destinado á FP Dual, dun 87,5%.

Canto ao ámbito universitario, Carmen Pomar salientou o investimento dedicado a I+D+i, dun total de 79,9 millóns de euros, o que representa un incremento do 5,2%. Ademais, Educación destinará no próximo exercicio 266,7 millóns ao Plan de Financiamento das Universidades 2016-2020.

Infraestruturas educativasCanto ao investimento en infraestruturas educativas, a Consellería de Educación prevé destinar 36,3 millóns de euros, un 6% máis que o pasado ano, a diferentes proxectos nas catro provincias galegas.

Así, iniciaranse os novos CEIP Sagrado Corazón en Lugo, cunha dotación de 2,6 millóns de euros e o novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo), con 2 millóns de euros. Para a execución, xa iniciada, do novo CEIP de Mesoiro, na Coruña, destínase máis de 3 millóns euros.

Realizaranse tamén reformas e ampliación no CEIP Lamas de Abade de Santiago (1 millón de euros); no CEIP Laverde Ruiz, en Outeiro de Rei (460.000 euros); aularios de Vedra (700.000 euros); CEIP de Cabanas (550.000 euros) e CEIP Agro do Muíño, en Ames, (500.000 euros). Ademais a conselleira destacou a continuidade dos proxectos de eficiencia enerxética, que xunto con fondos de mellora funcional ascende a 6,7 millóns de euros.

No que se refire aos centros de secundaria, existe unha dotación de 1,4 millóns para a mellora funcional, con reformas de gran calado como as das instalacións eléctricas completas do CIFP do Politécnico de Santiago, o IES Laboral de Culleredo ou o CIFP de Someso, na Coruña. Por outra banda, destínase unha partida de 2,4 millóns de euros para facerlle fronte ás ampliacións en aulas e talleres de centros integrados de Formación Profesional e de Institutos de Ensino Secundario onde se imparte FP.

Como novidade, cómpre sinalar unha nova liña orzamentaria para actuar especificamente nos centros situados en edificios históricos en resposta a unha importante sensibilidade para reformar instalacións que representan o mellor da nosa historia educativa. Pola súa banda, nas partidas de reforma, ampliación e mellora dedicadas a pequenas obras a través das xefaturas territoriais, a contía mantense en torno aos 7,5 millóns de euros.


- Te recomendamos -