Inicio Galicia A Xunta completará o proxecto de mellora de seguridade da estrada PO-403,...

A Xunta completará o proxecto de mellora de seguridade da estrada PO-403, en Ponteareas, con 300 metros de novas beirarrúas

0

O Goberno galego, dado que a maior parte dos alegantes solicitou beirarrúas para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito da actuación, atenderá a petición para mellorar a seguridade dos peóns

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se resolve o expediente de información pública do proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-403, ao seu paso por Ponteareas, ao incorporar a execución de 300 metros de novas beirarrúas.

A Xunta, dado que a maior parte dos alegantes ten solicitado a execución de beirarrúas para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación, atenderá a solicitude para mellorar a seguridade dos peóns. Isto require a realización de expropiacións adicionais, polo que se redactará un proxecto construtivo cunha nova proposta. No seguinte enlace, máis información: https://goo.gl/3D8u5cAs actuacións previstas polo departamento de Infraestruturas da Xunta desenvolveranse no treito comprendido que se inicia despois do enlace coa A-52 (punto quilométrico 8+600) e o final da travesía de Angoares, preto de Ponteareas (punto quilométrico 10+200).

As principais intervencións previstas teñen como obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Na súa execución tamén se prevé a creación de puntos específicos nos que se realicen os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Esta proxecto enmárcase na estratexia do Goberno galego para actuar nas estradas autonómicas e suprimir os tramos identificados como treitos de concentración de accidentes ao longo desta lexislatura.


- Te recomendamos -