Inicio Galicia Unha xornada sobre seguridade viaria na empresa incidirá na importancia da prevención...

Unha xornada sobre seguridade viaria na empresa incidirá na importancia da prevención de riscos para reducir os accidentes no traballo

0

A Xunta apoia o IX Encontro de boas prácticas que organiza o martes 30 de outubro na Cidade da Cultura a Fundación para a Seguridade Viaria (Fesvial)

A Cidade da Cultura acolle o próximo martes 30 de outubro a xornada A seguridade viaria na empresa. IX Encontro de boas prácticas que ten como obxectivo informar sobre a importancia que ten a prevención dos accidentes de tráfico laborais e de como poñer en marcha plans preventivos de seguridade viaria para, desde xeito, reducir o número de accidentes de tráfico no traballo.

O evento, que conta co apoio da Xunta, está organizado pola Fundación para a Seguridade Viaria (Fesvial) e tamén conta coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e a Fundación CNAE.

O encontro está dirixido a profesionais do eido da prevención, da seguridade viaria e a directores e xerentes de empresas e institucións. Así, a xornada contará coa participación de administracións, sindicatos, patronais e empresas de distintos sectores que informarán e compartirán experiencias na prevención de accidentes viarios laborais. En representación da Administración autonómica está prevista a asistencia da directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja.

Na xornada incidirase sobre a importancia de que as empresas contemplen a seguridade viaria nos seus plans de prevención e que se avalíen os riscos correctamente para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores.

Esta acción súmase ao talleres de condución cun simulador de alta inmersión para previr os accidentes laborais de tráfico que está a realizar o ISSGA en colaboración con Asepeyo co obxectivo de previr os accidentes laborais de tráfico e sensibilizar sobre a necesidade de implantar plans de mobilidade viaria e así facer fronte á sinistralidade que xeran os accidentes de tráfico, para garantir que os desprazamentos sexan o máis sustentables, saudables e seguros posibles.

Os obradoiros están tendo lugar nos centros do ISSGA emprazados nas catro provincias galegas. Xa tiveron lugar en Lugo e A Coruña e o 30 de outubro serán no centro de Pontevedra e o 13 de novembro no de Ourense.

Esta actividade contribúe a que os participantes sexan conscientes dos perigos durante os desprazamentos ao volante e sirvan de vehículo de transmisión do aprendido entre os seus compañeiros de traballo.

Os participantes teñen grazas a estes talleres a oportunidade de experimentar cun simulador que recrea todo tipo de situacións, coñecer os conceptos básicos de seguridade viaria e as distintas situacións que se poden atopar no tráfico rodado e que permite avaliar as habilidades de condución.

O ISSGA participa nestas iniciativas co obxectivo de expandir a cultura preventiva e poñer de manifesto que a seguridade e a prevención deben ser valores que toda a sociedade teña arraigados en todos os ámbitos, e no viario en particular. 


- Te recomendamos -