Inicio Galicia Valentín García valora o precedente do Estatuto do 36 na consecución do...

Valentín García valora o precedente do Estatuto do 36 na consecución do actual status do galego

0

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán na presentación do libro ‘Portela Valladares: Ante el Estatuto’, de Manoel Carrete Rivera

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, valorou o precedente do Estatuto do 36 na consecución do actual status do galego. Fíxoo na súa participación, este serán, na presentación do libro Portela Valladares: Ante el Estatuto, de Manoel Carrete Rivera, que se celebrou no Castelo de Castro Caldelas. O volume, que reproduce e analiza unha conferencia pronunciada o 25 de xullo de 1932 por Manuel Portela Valladares no Centro Galego de Barcelona, está editado por esta mesma institución co patrocinio do Parlamento de Galicia.

O titular de Política Lingüística lembrou que “o actual grao de protección e recoñecemento con que contan a lingua galega e os seus falantes, derivado do noso Estatuto de Autonomía, obtívoo a cidadanía galega grazas ao precedente do Estatuto de 1936, ao que Portela Valladares lle dedicou anos de esforzo e unha fidelidade que tivo que pagar co exilio”.

Ademais do secretario xeral, no acto interviñeron Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; Sara Inés Vega Núñez, alcaldesa de Castro Caldelas; Luís Fernández Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; e o autor do libro, Manoel Carrete Rivera. Tras a presentación, tivo lugar unha actuación musical de Amancio Prada.

O libro Portela Valladares: Ante el Estatuto recolle a conferencia pronunciada polo político pontevedrés no Centro Galego de Barcelona en 1932, conferencia que nunha edición posterior se titulou Ante o Estatuto. Unificación e diversificación de nacionalidades. O texto do relatorio mantívose no esquecemento ata que o sacou á luz en 2006 unha investigación de Manoel Carrete, autor do volume hoxe presentado en Castro Caldelas. Ademais da reprodución da conferencia, este contén varios capítulos de análise e está encabezado por un prólogo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

O avogado e historiador Manoel Carrete Rivera, nacido na localidade barcelonesa de L’Hospitalet del Llobregat, actualmente exerce como asesor de emigración da Deputación de Ourense. Foi presidente do Centro Galego de Barcelona e vicepresidente da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña e mais da Irmandade A Nosa Galiza de Mollet. Licenciado en Dereito e Historia pola Universidade de Barcelona, entre as súas publicacións figuran diversos libros, como Máis que nós, ninguén.1892-2007 (2007), Migració gallega a Catalaunya: Irmandade A Nosa Galiza de Mollet (2010), Centro Galego de Barcelona dende 1892 (2012) ou Centro Galego de Barcelona. Conciencia de Galicia (2016). 


- Te recomendamos -